TURISMO

Turismo de Santiago e Turgalicia contarán cunha nova oficina no aeroporto Rosalía de Castro

23/05/2018 O aeroporto Rosalía de Castro-Santiago de Compostela-Lavacolla acolleu esta mañá a sinatura dun convenio entre Concello, Xunta e Aena para a cesión dun espazo no aeroporto no que se situará unha nova oficina de turismo, compartida entre Turismo de Galicia e Turismo de Santiago.

No acto de sinatura estiveron presentes a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; a directora xeral de Turismo, Nava Castro; o director de Aena, Jaime García-Legaz; o director do aeroporto compostelán, Ricardo López; e o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodríguez. Grazas a este convenio, Turismo de Santiago e Turismo de Galicia contarán cunha nova oficina máis ampla e moderna no vestíbulo do aeroporto, na zona de chegadas. A oficina, deseñada polo arquitecto Óscar Lopez Alba, de Ola Estudio, ocupará un espazo aproximado de 100 metros cadrados e estará recuberta de madeira de castiñeiro.

Este novo espazo vén a substituír o que "tiñamos no aeroporto, que era unha oficina de información turística modesta, digna, pero moi limitada que non reflectía a nosa personalidade como destino turístico", tal e como sinalou no acto Marta Lois. A edila incidiu en que "o aeroporto é o primeiro punto que coñecen centos de miles de persoas que nos visitan cada ano e onde comezan a definir a súa imaxe da nosa cidade".

Este convenio é froito do traballo levado a cabo durante o último ano por parte do Concello, Xunta e Aena e da colaboración institucional entre as dúas administracións e a empresa pública.

Compartir: