POLÍTICAS SOCIAIS

A terceira edición de Compostela + Solidaria ofrece 20 días de accións para "mudar o mundo"

23/05/2018 O Concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en marcha a terceira edición de Compostela + Solidaria, un programa de sensibilización que se levará a cabo do 25 de maio ao 15 de xuño en distintos espazos da cidade. Ao longo de 20 días programaranse obradoiros, charlas, xogos, exposicións, proxeccións e unha Feira Solidaria coa que a cidadanía compostelá terá a oportunidade de coñecer de que forma pode "mudar o mundo" dende o seu día a día. Tamén, de divertirse e de coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que, dende o ámbito local, contribúen a cambiar a realidade global.

Un punto de referencia será a Feira Solidaria, inicialmente prevista para o venres 25 na praza Roxa, pero adiada polas previsións meteorolóxicas a unha data aínda por determinar. Este é un espazo pensado para o encontro, no que haberá propostas para todas as idades: xogos do mundo; obradoiros para coñecer de que están feitos os computadores e de onde veñen as súas pezas; un programa de radio en directo; un obradoiro para aprender a reparar a roupa; unha acción de rúa contra a xitanofobia; postos de información e venda de produtos de comercio xusto...

Precisamente, un dos obxectivos do programa deste ano é vincular ás loitas locais coas globais e poñer en común as demandas dos colectivos e organizacións galegas coas das ONG de Desenvolvemento que traballan noutros países. Para iso, as actividades programadas xirarán arredor do comercio xusto; a defensa dos dereitos humanos das mulleres e a infancia; o coidado do medio ambiente; o dereito de acceso á saúde; a loita contra a xenofobia, a homofobia e a violencia de xénero; o respecto á diversidade, etc. E contarán coa colaboración de colectivos como a radio comunitaria Cuac FM, o Secretariado Xitano, a batukada feminista Tamborililás e a cooperativa Cousas da Terra.

Novos espazos da cidade
A terceira edición de Compostela + Solidaria incorpora novos espazos ao programa. O cinema Numax colabora este ano coa organización dunha mostra de curtametraxes sociais que terá lugar o 31 de maio, ás 21:15 horas, e na que se proxectarán 5 títulos de directores e directoras de distintos países que tratan cuestións como o racismo, as migracións e a violencia machista. Ao rematar, haberá un coloquio no que participará Álvaro Gago, o director da aclamada curtametraxe Matria, que falará sobre o papel da arte e do cinema na denuncia social e responderá as preguntas do público.

Tal e como avanzou a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, na presentación do programa na praza do Obradoiro, a veciñanza "terá novamente a oportunidade de participar en actividades nas que se falará dos Dereitos Humanos e da necesidade de defendelos colectivamente para que todas as persoas, independentemente da súa orixe e de onde vivan, os teñan garantidos. Tamén para dar a coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que dende o local contribúen a mudar o mundo".

O Museo do Pobo Galego tamén se suma aos novos espazos de Compostela + Solidaria nesta terceira edición coa exposición fotográfica Tecedoras do cambio. Historias de lideresas comunitarias que loitan por unha vida digna en América Latina, África e Asia. Unha exposición composta por 23 fotografías de mulleres de 14 países imprescindibles para o desenvolvemento das súas comunidades: labregas, pescadoras, defensoras de dereitos, promotoras de saúde, activistas, mariscadoras... Mulleres que, xunto a organizacións dos seus países, están a traballar, man a man, con ONGD galegas. A exposición inaugurarase o 29 de maio, ás 11:30 horas, e estará aberta ata o 24 de xullo.

Por outra banda, a praza de Abastos, o Centro Xove da Almáciga, a carpa da Semana do Libro de Compostela (SELIC), a Biblioteca Ánxel Casal e a Universidade de Santiago, xunto a oito centros socioculturais da cidade serán parte do escenario do Compostela + Solidaria deste ano. Coma nas anteriores edicións, todas as actividades serán de balde.

20 días de actividades para mudar o mundo
A terceira edición de Compostela + Solidaria ofrece máis de 20 actividades, todas elas enfocadas á sensibilizar sobre a necesidade de comprometernos, no noso día a día, coa defensa dun mundo libre de discriminacións, inxustizas e violencias. "As actividades propoñen cuestionarnos o porqué das desigualdades e a pobreza e poñernos en marcha para poder cambiar a realidade: dende o noso consumo e a nosa forma de relacionarnos coas persoas e coa natureza ata as posibilidades de organizarnos e demandar, colectivamente, outro mundo posible", explicou a voceira da Coordinadora Galega de ONGD, Lorena Seijo.

Hoxe, 2.200 millóns de persoas viven en situación de pobreza extrema e as cifras de desigualdade global non teñen precedentes: no mundo, só 8 persoas concentran tanta riqueza como a metade máis pobre da humanidade. Estamos a vivir o maior movemento de desprazamentos forzosos dende a II Guerra Mundial, o auxe dos discurso xenófobos e o actual sistema económico está a xerar desequilibrios medioambientais e sociais que desembocaron nunha situación de crise ecolóxica.

Neste contexto, as ONGD galegas ofrecerán propostas para reflexionar e debater colectivamente e cidadanía de Compostela poderá coñecer a realidade doutros países e os efectos positivos que ten a cooperación ao desenvolvemento nestes contextos.

Documentos relacionados



Compartir: