CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia pecha a súa tempada de concertos co recoñecido oboísta Lucas Macías

24/05/2018 A Real Filharmonía de Galicia pecha esta semana a súa tempada anual de concertos con dúas actuacións. A primeira será hoxe xoves no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas, dentro da tempada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. Mañá venres, o Auditorio de Galicia acollerá a clausura da tempada de abono da orquestra, tamén ás 20:30 horas.

A batuta de ambos os concertos levaraa o mestre cántabro Jaime Martín, que, despois dunha intensa carreira como solista de frauta, accedeu á dirección orquestral da man de Sir Neville Marriner. Na actualidade é o director principal e artístico da Orquestra Sinfónica de Gävle (Suecia), director titular da Orquestra de Cadaqués e director artístico do Festival Internacional de Santander. Púxose á fronte de orquestras en toda Europa, Estados Unidos e Asia.

O programa destes concertos comezará con Ma Mère l´Oye (A miña nai a oca), de Maurice Ravel (1875-1937), composta por cinco pezas que evocan o mundo dos soños e os contos da infancia. As dúas primeiras, "A Bela Dormente" e "Pulgarcito", parten dos relatos de Charles Perrault; "A neniña fea, emperatriz das Pagodas" inspírase nunha historia de Marie- Catherine, condesa de Aulnoy; "A Bela e a Besta" está baseada na versión de Jeanne-Marie Leprince de Beaumont; e descoñécese a orixe de "O xardín encantado".

A continuación, a orquestra achegará ao público o Concerto para óboe de Richard Strauss, que data das etapas finais da carreira do compositor e é considerada como unha das mellores obras escritas para este instrumento. Strauss escribiuna a suxestión de John De Lancie, un soldado americano e oboísta profesional. Nesta ocasión interpretaraa o oboísta onubense Lucas Macías, un dos músicos españois máis recoñecidos no ámbito internacional.

Os concertos concluirán coa revisión que se fixo en 1947 da obra Petrushka, de Ígor Stravinski. Petrushka fai referencia a unha marioneta de palla e serraduras tradicional rusa de carácter burlón, o que no mundo latino equivalería á Polichinela, que cobra vida e desenvolve a capacidade de sentir. Relata a historia de amor e celos de tres marionetas.

O virtuosismo de Lucas Macías ao óboe
Lucas Macías naceu no ano 1978 en Valverde del Camino (Huelva). Estudou no Conservatorio de Zúric, no Conservatorio de Friburgo, na Karajan Akademie da Filharmónica de Berlín e no Conservatorio de Xenebra. Tras acumular sucesivos méritos en grandes orquestras de toda Europa, encamiñou a súa traxectoria á dirección de orquestra e, despois de formarse en Viena, na actualidade é director asistente da Orquestra de París.

Como solista actuou coas agrupacións máis prestixiosas, dirixido por grandes mestres. En 2015 foi galardoado nos Premios Internacionais da Música Clásica ( International Classical Music Awards) como mellor CD na categoría de concerto, xunto ao mestre Claudio Abbado e a Orquestra Mozart de Bolonia. Destacan tamén as súas gravacións para o selo Deutsche Grammophon. Dende 2012 é profesor na Escola de Música de Friburgo (Alemaña).

Charla previa co director Jaime Martín e co oboísta Lucas Macías
Antes da celebración do concerto de abono deste venres en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Jaime Martín e co oboísta Lucas Macías. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: