CONVIVENCIA

Máis de 200 nenos e nenas participarán o venres na I Marcha Ciclista Escolar

16/05/2018 Máis de 200 alumnos e alumnas de catro centros de Educación Infantil e Primaria de Santiago participarán o próximo venres na I Marcha Ciclista Escolar, organizada polo Departamento de Educación Viaria da Policía Local. O obxectivo da iniciativa é que os nenos e nenas poñan en práctica o aprendido no parque infantil de tráfico, así como promover o uso da bicicleta como medio de transporte sostible.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou a primeira edición da Marcha Ciclista Escolar, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola responsable de Educación Viaria da Policía Local, Diana Parente. Xan Duro explicou que o obxectivo desta actividade é que "os nenos e nenas aprendan a circular en bicicleta baixo as normas da seguridade viaria, ao tempo que se inician no uso deste medio de desprazamento que é respectuoso co medio ambiente". Ademais, a Marcha Ciclista Escolar pretende "fomentar a práctica do exercicio físico e supón unha interesante xornada de convivencia entre nenos e nenas de diferentes centros escolares", indicou.

Percorrido
Na I Marcha Ciclista Escolar participará o alumnado de 5º e 6º de Primaria dos CEIPs López Ferreiro, Vite, Raíña Fabiola e Pío XII. O percorrido está deseñado tendo en conta a localización destes colexios, de forma que os nenos e nenas se irán incorporando progresivamente á marcha a medida que vaia pasando polos seus centros.

A saída será ás 10:15 horas dende a avenida de Xoán XXIII, diante do CEIP López Ferreiro. Os rapaces e rapazas pasarán despois por Burgo das Nacións, Ricardo Carvalho Calero, Pelamios, Morón, Galeras, Salvador Allende, Entregaleras, Campo das Hortas, Poza de Bar, San Lourenzo, Xosé María Suárez Núñez, Lope Gómez de Marzoa, Ángel Jorge Echeverri, avenida de Vigo, Feáns, avenida da Coruña, Rosalía de Castro, Xoán Carlos I, Campo da Estrela, Porta Faxeira, Campo de San Clemente, San Clemente, Trindade, Carretas, Costa de San Francisco, San Francisco e praza do Obradoiro. Neste punto farán unha pequena parada, para volver facer despois o itinerario no sentido contrario.

A actividade será supervisada pola Policía Local, en coordinación coa agrupación compostelá de Protección Civil. Na I Marcha Ciclista Escolar colaboran tamén o departamento de bicicletas de Decathlon e a Cruz Vermella.

Compartir: