MOCIDADE

Moisés Mato presenta o seu monólogo "Imposible matar la belleza" no Centro Xove

11/05/2018 Imposible matar la belleza é un dos espectáculos en xira de Teatro del Abrazo. Un texto sobrecolledor escrito e interpretado por Moisés Mato. Este actor e director de teatro de orixe galego, que habitualmente vive en Madrid, presentará este monólogo o 16 de maio ás 21:30 horas, no Centro Xove da Almáciga.

Seis historias entrecrúzanse a un ritmo de vertixe durante unha hora. Todas xiran ao redor dunha polea, que constitúe o elemento simbólico no que se unen as sorprendentes biografías que se despregan sobre as táboas. Son historias reais, que o propio autor coñeceu de primeira man, en diferentes momentos da súa vida.

A beleza á que se refire o título é a dignidade de seres humanos capaces de cambiar o curso dos acontecementos a partir de actos extremos de amor. Eses actos configuran un antes e un despois e fan real a sentencia de Dostoyevski: "a beleza salvará o mundo".

Este espectáculo vai precedido dun obradoiro sobre a resolución de conflitos a partir do teatro da escoita. O obradoiro ten unha duración de 4 horas (De 16:00 a 20:00 h) e será impartido polo propio actor. Todas as persoas que o desexen poden inscribirse no taller de forma gratuíta dirixíndose ao Centro Xove (máis información no 681 601 920). As dúas actividades están impulsadas pola campaña No Violencia 2018, que pretende difundir a cultura da non violencia en todo o Estado. A entrada é libre.

Documentos relacionados



Compartir: