FESTAS

A festa infantil no Teatro Principal, a dos maiores en Amio e os concertos da Quintana e do Toural, no sábado da Ascensión

11/05/2018 Doce pezas de microteatro e tres concertos encherán de fantasía, música e risos os distintos espazos do Teatro Principal esta fin de semana, nunha programación para público infantil e familiar que converte á rapazada en protagonista das festas da Ascensión.

A axenda abre o sábado ás 11:30 horas co primeiro feixe de pezas. Animaladas, de Marta Ortiz, é unha compilación de contiños de animais, historias tolas e divertidas, que nos fan transitar por emocións moi humanas, como o medo, o amor, a ira, a amizade, a esperanza. A lumbrigante e o congro, de Avelino González, recolle un conto popular sobre o medo e a astucia debaixo do mar. O Tirar do fío-Contos signados, de Fátima Villamel, é unha invitación a descubrir historias, a viaxar a lugares remotos, a namorar, a lembrar, a xogar coas letras e as palabras e a soñar. Finalmente, Contiario, de Pablísimo, abeira contos que empezan ao revés, contos con moitos finais, contos de nunca rematar, fábulas, cantares de cego, contos minúsculos, adiviñas, e mesmo contos-canción.

Ás 13:00 horas, a compañía Trotamundos presentan en concerto o seu traballo A fiestra dos soños. Nadia Fonseca porá voz a trece poemas de Manuel Boquete que cantan á natureza, musicados por Ramón Feáns con grande variedade de compases, influencias e ritmos, e numerosos cambios de tonalidade cunha liña que bebe das músicas populares do mundo e que atravesa cada un dos temas para darlle unidade. Canda a guitarra, o bouzouki, e a mandolina de Feáns, o acordeón de Roberto Grandal e a percusión de Daniel Riveiro conforman o conxunto musical. A proposta busca tamén familiarizar ás pequenas e pequenos coas palabras, xiros e expresións propias da nosa lingua, co gallo de expoñer e dignificar o galego e o seu entorno primixenio nun país que corre a pasos axigantados cara ó esquecemento. Todo diso aderezado con melodías de gusto exquisito que xunto cos textos converten as pezas en idóneas para o pracer de grandes e pequenos. Esta é a versión concerto dun libro-CD editado pola Editorial Galaxia como parte da colección Sonárbore.

Ás 17:00 horas, as portas do Principal volven abrir cunha nova xeira de microteatro. O Xigante, de Elefante Elegante, achega unha homenaxe ao libro e á lectura na que conviven o cómico e o poético e a narración oral é acompañada polo teatro xestual. Os Feitizos, de Martín Camiña, veñen con cachifallos e chilindradas máxicas que nos fan dubidar de se o que estamos a ollar corresponde co que percibimos, nun espectáculo ben sorprendente e cheo de ilusións. Segue o programa con A Bruxa Regañadentes, que Vero Rilo compón a partir da obra homónima de Tina Meroto e, finalmente, os monicreques de Anxo García cóntannos a historia de Bartolo Bartolochi, o único trapecista do mundo con boina, que ficou atrapado no Teatro Principal a comezos do século XX, cando aquí chegaban todo tipo de espectáculos.

O concerto As andanzas de Paio, por conta de Oviravai ás 18:30 horas, pon fin á festa na tarde do sábado. É este un proxecto que concede especial atención á transmisión de valores sociais como a amizade, a solidariedade, o traballo en equipo ou o coidado do planeta, a través de orixinais e divertidas cancións e historias, que conta o teixugo Paio ao volver dunha viaxe. O musical parte do libro-CD homónimo As andanzas de Paio, o primeiro traballo da compañía que forma parte da colección Sonárbore da Editorial Galaxia.

XXI Festa dos Maiores
Amio volverá ser este sábado un dos lugares centrais das celebracións da Ascensión. A partir das 14.00 horas, arranca a tradicional Festa dos Maiores, que cada ano congrega máis dun milleiro de persoas no recinto feiral e que en 2018 alcanza a súa XXI edición. Como en convocatorias anteriores, a festa consiste nun xantar con menú típico do país, seguido por unha sesión de baile que este ano amenizará o grupo Alma Latina. As entradas para a festa, a un prezo de 7,5 euros, repartíronse dende o día 2 no despacho de billetes do Teatro Principal. Aínda quedan algunhas dispoñibles que se poderán mercar xa mañá no propio recinto feiral.

Actividades diversas
Entre os actos do sábado, topamos tamén a segunda xeira da XLII edición do Trofeo da Chave das Festas da Ascensión. Esta competición, organizada en colaboración coa Asociación de Xogadores da Chave de Santiago, terá lugar a partir das 17:00 horas no parque da Alameda, onde concitará aos mellores lanzadores da disciplina.

O ciclo Corais na Rúa encargarase de encetar a proposta musical da tarde na zona vella. A partir das 18:30 horas, as agrupacións Amigos de Compostela e Pontemantible actuarán na praza de Cervantes. Ás 19:00 h, a praza da Quintana acollerá o recital das corais Xuntanza e Coto da Nai e, ás 19:30 horas, os grupos Xúbilo, Santa Susana e Irmán Gómez, chegarán a Praterías.

Apenas media hora despois, ás 20:00 h, o claustro de San Martiño Pinario servirá de escenario do V Ciclo Música de Cámara en las Ciudades Patrimonio de la Humanidad. Esta iniciativa, froito dun convenio de colaboración entre a Escuela Superior de Música Reina Sofía en Madrid co Grupo Ciudades Patrimonio de la Humanidad de España (UNESCO España), conforma anualmente unha selección de música de cámara que os mellores grupos do alumnado da Escuela levan a espazos históricos, civís e relixiosos das 15 cidades españolas que conforman a Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. En Compostela, será o Quinteto Ricercata de EY, integrado por Juan Cossío, (frauta), Jesús Torres (óboe), José Pinto (clarinete) Miguel García (fagot) e Norberto López (trompa), o encargado de interpretar un programa con obras de P. Hindemith, M. Arnold, H. Tomasi e J. Medaglia. O acceso é de balde até completar aforo.

Música para a noite do sábado
Los Pekenikes e Santos Morcegos serán os encargados de clausurar o escenario da Quintana a partir das 21:30 horas. A pioneira banda do rock español dos 60 que teloneou aos Beatles, e pola que pasaron músicos ben coñecidos do público como Alfonso Sainz, Antonio Morales "Junior" ou Toni Luz, levará os éxitos de toda unha vida á céntrica praza compostelá.

Ao seu carón, a banda guardesa Santos Morcegos, que compoñen Jairo (ao baixo), Álvaro de Cordero (batería) e José Manuel e Víctor Fuggetto nas guitarras encherá de rock surfeiro a noite santiaguesa.

Ademais, a partir das 22:30 horas, Los Alkar oficiarán a romaría no parque da Alameda, que este ano conta por primeira vez cun servizo de sincronización da música nas atraccións. Esta novidade posibilita que en todas elas soe a mesma melodía cun control dos decibelios emitidos.

Finalmente, na praza do Toural, o pop, triphop e jazz dos Nèboa subirá ao escenario Compostela é! Música. Nèboa son Aloia López (voz e coros), David Puime (batería), Jacobo García (baixo, sintetizadores e kaossilator), Tomás Porteiro (guitarras eléctricas e coros) e Lucas M. Suárez de Centi (vibráfono, percusión, teclados e programacións), un quinteto de músicos de Compostela, Arousa e Vigo que están a presentar novos temas, como "Sigue sigue" ou "Lisboa 5AM".

Compartir: