FESTAS

O concerto da Banda Municipal coa Real Filharmonía de Galicia, cita central deste venres nas festas da Ascensión

10/05/2018 Aínda quedan convites para asistir de balde a este singular evento no que a Banda Municipal de Música de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia compartirán escenario por primeira vez. O motivo deste encontro musical é a celebración do 170 aniversario da fomación dirixida por Casiano Mouriño, que dende 1848 vén desenvolvendo un papel central na vida cultural de Santiago de Compostela, con actuacións nas principais festas e en multitude de eventos municipais. O concerto será este venres 11 de maio, ás 20:30 horas, na praza da Quintana e, en caso de choiva, trasladarase ao Auditorio de Galicia.

Casiano Mouriño e Maximino Zumalave conducirán a ambas formacións nun programa que arranca co festivo Carnaval Romano de Héctor Berlioz, un reflexo dos carnavais que se celebraban no século XIX na Piazza Colonna de Roma. A seguir, terá lugar a estrea da obra What do you think about the dropping of atomic bombs in Hiroshima & Nagasaki? (Que opinas do lanzamento de bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki?), unha peza de 15 minutos de duración para grande orquestra e electrónica que o compositor galego Antón Alcalde realizou por encargo da Banda. O Danzón nº2 do compositor mexicano Arturo Mázquez será o seguinte tema do concerto. Con esta peza estreada en 1994, este creador estudoso e gran coñecedor da música tradicional do seu país, compón unha sinfonía de grande emotividade e respecto polos ritmos populares de México. Finalmente, a Obertura 1812 de Piotr Ilich Chaikovski, composta para conmemorar a resistencia do pobo ruso fronte a invasión das tropas napoleónicas no citado ano, poñerá sons triunfais ao peche do programa.

Outras músicas
Alén deste concerto, a axenda cultural do venres da Ascensión contén diversas e numerosas propostas musicais. Ás 12:30 horas comezará a sesión vermú na praza de Cervantes con Esteban & Manuel. Merengue e cumbia mediados polo autotune cos que o dúo compostelán fará bailar a grandes e pequenos.

Ás 22:30 horas, a Charleston Big Band encetará a verbena no paseo central da Alameda. Creada en 1984, esta orquestra padronesa componse na actualidade de 15 membros e conta entre os seus vocalistas con Rita Barreiro, Lucia Ribada, Juanma Noya, José Antonio Santana e José Ángel Albán.

Ás 23:00 horas, o escenario Compostela é! Música, na praza do Toural, acollerá a actuación de Novo Flamenco, un grupo de recente creación e integrado por David Flores (guitarra), Rubén Fernández e Sansón Flores (cante) , Moisés Fernández (percusión) e Isaías Salazar (baile). Novo Flamenco afonda na celebración da cultura xitana e transita dos son máis tradicionais do flamenco aos máis modernos, nun espectáculo fresco e xenuíno no que comparten a súa emoción co público.

Trofeo da Chave
Entre os actos deste venres, destaca tamén o tradicional Trofeo da Chave das Festas da Ascensión que este ano chega á súa XLII convocatoria. Esta competición, organizada en colaboración coa Asociación de Xogadores da Chave de Santiago, terá lugar a partir das 17:00 horas no parque da Alameda, onde concitará os mellores lanzadores desta disciplina.

Compartir: