FESTAS

Compostela viviu o día grande da Ascensión

10/05/2018 A XVII edición da Feira Cabalar en Amio, a comparsa de cabezudos, a sesión vermú de Cachas & Cousins na praza de Cervantes, as actuacións de Folk na Rúa na zona vella, os concertos de OqueStrada e Caxade na praza da Quintana, a verbena da Orquestra Passarela na Alameda e a actuación de Susana Martínez no escenario Compostela é! Música do Toural marcaron o itinerario festivo deste xoves, día grande das festas da Ascensión.

Compostela reviviu a súa tradicional cita coa feira cabalar no Mercado Nacional do Gando en Amio, que o Concello organiza en colaboración coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego e a Escola Oficial de Jueces de Pura Raza Galega. Xunto a milleiros de persoas, boa parte da Corporación sumouse ao evento, presenciando os diferentes concursos e participando logo na entrega de galardóns, entre eles o Gran Premio Dragóns de Santiago, Trofeo Institucional do Concello de Santiago de Compostela.

Cabezudos, sesión vermú e Folk na Rúa
A mañá das festas deixounos tamén unha nova ocasión de nos divertir coa comparsa de cabezudos, que percorreu a zona histórica, e a sesión vermú en Cervantes coa banda compostelá Cachas & Cousins.

Á tarde, a música tradicional de Folk na Rúa encheu as prazas da zona vella compostelá. Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia levaron os seus sons ás prazas de Praterías, Toural, Cervantes e Obradoiro, para concluír o percorrido musical nunha actuación conxunta na praza de Acibechería.

OqueStrada, Caxade e Susana Martínez
Para finalizar a xornada festiva, o escenario da praza da Quintana acolleu o concerto de OqueStrada e Caxade. Da outra beira do Miño, chegan os sons festivos de Marta Miranda (voz), Jean Marc Pablo (contrabaixo), Marina Henriques (acordeón) e João Lima (guitarra portuguesa). A formación lisboeta OqueStrada tráenos unha proposta singular que actualiza a música tradicional portuguesa e mexe o fado a ritmo de funk.

Documentos relacionados



Compartir: