ALCALDÍA

Aberto o prazo para participar na terceira edición do #Fotolingua

09/05/2018 O Departamento Municipal de Lingua vén de poñer en marcha a terceira edición do #Fotolingua, o concurso que pretende darlle visibilidade aos establecementos comerciais da cidade que se comprometen co uso do galego. Para participar no certame só é preciso publicar nas redes sociais Facebook ou Instagram unha imaxe na que se reflicta a utilización da nosa lingua na actividade dunha empresa da cidade.

O alcalde presentou esta mañá a terceira edición do certame, "que invita á cidadanía a fixarse na paisaxe comercial de Compostela para identificar ás empresas que utilizan o galego, ao tempo que quere mostrarlles aos negocios que usar a nosa lingua ten vantaxes competitivas". Martiño Noriega explicou que "cada vez temos máis establecementos galego activos en Santiago, e estamos convencidos de que a iso contribúen iniciativas impulsadas dende o Concello como o certame Fotolingua, os premios de publicidade comercial en galego ou os premios Manuel Beiras, neste caso en colaboración coa Cámara de Comercio".

O alcalde explicou que "nesta edición do #Fotolingua faremos un especial esforzo para promocionar o certame e os obxectivos que pretende transmitir, e fixámonos o reto de superar os positivos datos de participación do ano pasado". Martiño Noriega lembrou que na segunda edición do concurso practicamente duplicáronse tanto o número de imaxes presentadas, que superaron o cento, como o número de seguidores das redes sociais do #Fotolingua, máis de 900.

Bases do concurso
As persoas interesadas en participar no concurso, sempre maiores de idade, deben ser seguidoras do perfil de #Fotolingua en Facebook ou Instagram, e compartir unha fotografía na que se mostre o uso do galego por parte de calquera empresa, establecemento comercial ou local de hostalería de Santiago. As imaxes poden mostrar dende escaparates a etiquetaxes, pasando por letreiros, elementos decorativos ou cartelerías. As fotos, sempre subidas ás redes como "públicas", deberán ir acompañadas polos tres cancelos do concurso: #establecementoengalego, #fotolingua e #ogalegovende.

O prazo para subir as imaxes ás redes sociais ábrese hoxe mesmo, 9 de maio, e pecharase o sete de xuño. Ao día seguinte, o 8 de xuño, coñecerase o nome das persoas gañadoras do concurso. Haberá agasallos para a imaxe que obteña máis "gústame" en Facebook ou "likes" en Instagram na súa publicación orixinal, e para a imaxe seleccionada pola organización pola súa orixinalidade ou capacidade para transmitir valor positivo á lingua. As persoas que as publicaran recibirán cadansúa cámara Polaroid Snap.

Direccións relacionadas



Compartir: