ALCALDÍA

O alcalde comprométese a "non dar ningún paso atrás no modelo de calidade da Escola de Música"

09/05/2018 O alcalde de Santiago reiterou hoxe que "non imos dar ningún paso atrás no que ten que ver co mantemento dos niveis de calidade da Escola Municipal de Música e do seu modelo educativo". Martiño Noriega lembrou que o centro "foi agarimado nos últimos anos polo Goberno local, e así vai seguir sendo".

O alcalde explicou que onte reuniuse co profesorado da Escola Municipal de Música e mantivo conversas persoais con nais e pais do alumnado, aos que lles mostrou o seu compromiso coa estabilidade do cadro de persoal do centro e coa calidade do proxecto educativo. Tamén lembrou que "o Goberno e eu mesmo vimos tendo unha especial sensibilidade coa Escola, mellorándoa sensiblemente grazas ao seu traslado á sede da Escola de Altos Estudos Musicais, que resultou moi satisfactorio para todas as partes".

Martiño Noriega asegurou que comparte "a preocupación lóxica e lexítima dos traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música e das familias usuarias", e avanzou que manterá un contacto regular coas partes para informar das xestións que se vaian realizando en torno a este proceso.

Nesa liña, o alcalde fixo un chamamento á tranquilidade e lembrou que o proceso de adxudicación do servizo de xestión da Escola Municipal de Música non está aínda pechado. Tal e como explicou, a mesa de contratación, da que forman parte todos os grupos da Corporación e máis os técnicos municipais, ten que celebrar aínda unha nova xuntanza na que se avalíe a oferta económica e da que poida derivar unha proposta de adxudicación.

Compartir: