CENTROS CÍVICOS

Un acto no CGAC amosa este martes o traballo realizado nun proxecto de recuperación das tradicións a través da cultura musical nas parroquias do rural

07/05/2018 O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle mañá martes, a partir das 18:15 horas, un acto no que, baixo o título "Recuperando as tradicións a través da música e da arte", se proxectará un documental e se amosará o traballo realizado no marco dun proxecto de achegamento da cultural musical aos usuarios e usuarias dos centros cívicos do rural.

A Concellaría de Centros Cívicos e a USC iniciaron en 2016 unha colaboración no marco do proxecto Unión de canles sociais: proxecto de arte comunitario, financiado polo Consello Social da USC. Grazas a esta iniciativa, os centros cívicos do rural tiveron a oportunidade de incorporar novos obradoiros á súa programación e así achegar a cultura musical aos seus usuarios e usuarias.
Este proxecto chegou tanto a xente miúda como maior das parroquias de Villestro, Figueiras, A Peregrina, O Eixo e Bando, cunha alta participación e con resultados moi beneficiosos.

Como resultado deste traballo, o CGAC acolle o acto "Recuperando as tradicións a través da música e da arte", no que se proxectará un documental e se fará unha breve exposición do traballo realizado este ano.

Compartir: