ALCALDÍA

Martiño Noriega pídelles aos escolares que "falen galego para mantermos viva a nosa identidade"

07/05/2018 Milleiros de rapaces e rapazas percorreron esta mañá as rúas de Santiago, na XVIII edición do Correlingua. O alcalde, Martiño Noriega, participou no acto de peche da carreira, que este ano levaba por lema "A lingua non para".

A praza da Quintana volveu ser o lugar escollido para o peche do Correlingua, nun acto dirixido pola actriz Isabel Risco. O alcalde, Martiño Noriega, pediulles aos rapaces e rapazas "que non paren de falar galego, porque de vós depende o futuro da lingua". Ademais, lembroulles que "o noso idioma é o noso principal sinal de identidade neste mundo internacionalizado, e por iso é preciso que o manteñamos vivo".

O alcalde tamén participou na entrega dos premios do concurso de animación da carreira. O gañador foi o IES Leliadoura de Ribeira, o segundo premio foi para o CPI Os Dices de Rois, e o terceiro para o CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón. No peche da carreira tamén participou o alumnado do IES Antón Fraguas, gañador do concurso do Manifesto do Correlingua 2018 co rap "Rapea, que a lingua non para". Polo escenario pasou, ademais, o grupo gañador do Cantalingua, Cuarta Xusta.

Correlingua é unha carreira impulsada pola Asociación-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e varios concellos galegos, que ten alcanzada unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado. O obxectivo da proba é que a mocidade reflexione sobre a situación da lingua e sensibilizar ao conxunto da sociedade da importancia de defender o noso idioma.

Compartir: