FESTAS

Iván Ferreiro e Delaporte abrirán os concertos das festas da Ascensión

07/05/2018 Do mércores 9 ao domingo 13 de maio, Santiago celebra as súas festas municipais. En 2018, a praza da Quintana volverá ser un dos principais escenarios dos concertos incluídos no programa da Ascensión, que este ano encetarán Iván Ferreiro e Delaporte. Trátase dun novo concerto dos xurdidos baixo o paraugas de Los40 Stage, e contará tamén coa presenza e a música do DJ e locutor Óscar Martínez. A entrada é de balde ata completar aforo.

Na presentación do concerto participaron esta mañá a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; Mario Moreno, director da Ser en Galicia; e Gabi Davila, o coordinador da cadea na nosa comunidade. Novoneyra dixo esperar "encher a praza da Quintana con este concerto, que segue as premisas das que participa o resto da programación: actividades diversas, de calidade e abertas a todas e todos".

Pola súa banda, Mario Moreno salientou a nova oportunidade que o Concello ofreceu a Los40 para colaborar nas festas máis propias de Compostela, a través dunha cita xa tradicional dende que en 1991 levaron por primeira vez o seu escenario á praza Roxa. Destacou que, ao longo deses 27 anos, estes concertos trouxeron á Ascensión a artistas diversos como Celtas Cortos, La Quinta Estación, Chenoa, Amaia Montero, Aurin, Efecto Pasillo, ou Miss Caffeína, Shinova, Luís Brea, El Miedo e Druso, que abriron o cartel das festas o ano pasado.

Finalmente, Gabi Davila salientou a calidade da proposta de 2018, que arrincará ás 21:30 h cunha pequena intervención de Óscar Martínez para dar paso á actuación de Delaporte arredor das 22:00 h. Á partir das 23:00 h será a quenda de Iván Ferreiro e, ao seu remate, o DJ e locutor da Ser tomará de novo escenario da praza da Quintana para unha sesión de baile que poñerá fin á noite.

A actuación conta co patrocinio do Gran Hotel Los Abetos, Pub La Quintana, Pizza Móvil, Amiocar e Gadis.

Iván Ferreiro
As festas da Ascensión tráennos unha nova ocasión de escoitar ao nigranés en Compostela. Iván Ferreiro volve a Santiago logo de máis dun ano de xira co seu último disco, Casa, e a piques de saltar de novo o Atlántico para presentar en México e Chile os 12 temas que integran este traballo. Casa é o sétimo álbum en solitario deste cantante, compositor e pianista que se fixo un lugar insubstituíble na escena musical española dos 90 como líder de Los Piratas e que, 20 anos despois, é aínda o artista galego máis escoitado en Spotify.

Músico inclasificable, a beleza das súa composicións e a sonoridade única de Ferreiro fan del referencia obrigada ao falar da música na contorna estatal e convertérono e influencia inevitable de moitas novas formacións. Gravado entre Gondomar e Barcelona, Casa é un exercicio de sinceridade, un feixe de historias persoais de son exquisito nas que Ferreiro se reconstrúe logo dun abandono e rexorde persoal e musicalmente.

Delaporte
A española Sandra Delaporte e o italiano Sergio Salvi compoñen Delaporte, unha das bandas revelación do último ano na música estatal. Ambos afincados en Madrid e procedentes doutros estilos musicais, chegan á electrónica á procura de novas posibilidades sonoras. Danse a coñecer mediante a difusión de covers e vídeos a través da rede e, en setembro de 2017, lanzan o seu primeiro EP, One, en formato físico e dixital. One é un compendio de seis temas de electrónica de pouso noventeiro nos que a doce voz de Sandra Delaporte se mestura cos beats bailables de Salvi, o que lles valeu numerosas comparacións coa asociación entre Nawja Nimri e Carlos Jean. Daqueles seis temas iniciais, só había un en castelán, "Pájaro salvaje", o máis escoitado da banda en plataformas dixitais e, quizais, o preludio do seu seguinte traballo.

En febreiro de 2018, Delaporte soprende con UNO, seis temas novos, desta volta en castelán, que os confirman como aposta segura nas pistas de baile deste verán. Un destes temas foi escollido como sintonía de cabeceira do programa Fama, a bailar, incrementando a súa visibilidade para o público xeral. Trátase de "Un jardín", un chamamento ao empoderamento feminino a golpe de funk brasileiro. En xuño preparan novo lanzamento con colaboración especial incluída. De seguro darán que falar.

Compartir: