EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Campaña Municipal de Animación á Lectura clausúrase este sábado cunha sesión de contos e música para público familiar

04/05/2018 A XVIII Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago, organizada polo Departamento de Educación e Cidadanía e por Kalandraka, chegará ao seu fin mañá sábado, 5 de maio, cunha sesión especial de contos e música a partir das 12:30 horas, aberta ao público familiar. Como xa viña sendo habitual en edicións anteriores, contará coa colaboración do alumnado da Escola Municipal de Música.

Dende que comezara a programación o pasado o 3 de abril, milleiros de nenas e nenos de Compostela e da súa contorna participaron nas actividades: sesións de contacontos para Educación Infantil e 1º e 2º ciclo de Primaria, con visitas guiadas á exposición de ilustracións e instalacións artísticas; obradoiros de ilustración e de escrita creativa para 2º e 3º ciclo de Primaria; actividades na rede de Escolas Infantís Municipais de Conxo, As Fontiñas, Polígono do Tambre, Salgueiriños, San Roque e Trasparlamento; sesións de contos para bebés, e contos e música para as familias.

Durante este tempo, a Galería Sargadelos foi un pequeno museo onde se puido admirar o traballo de estampación de Rocío Alejandro para A horta de Simón, título do álbum ilustrado co que gañou o X Premio Internacional Compostela e do que tomou o seu lema esta XVIII Campaña. Canda esta obra, o público tamén puido coñecer outras mostras da diversidade de estilos e técnicas artísticas: o acrílico no caso das imaxes do libro Animais de compañía, de Óscar Villán; o collage para elaborar as ilustracións de Quen falta?, de Arianna Papini; a acuarela, presente nas páxinas de Un máis, ilustrado por Marc Taeger, que plasmou nun mural o bosque no que se ambienta esta historia; ou a videocreación, a través da curtametraxe dirixida por José Miguel Sagüillo para o libro-disco Radio Bulebule.

Como cada ano, a Campaña de Animación á Lectura abriuse á participación das familias, con sesións especiais de contacontos para bebés de 0 a 3 anos. Ademais, o profesorado participou activamente dende a xornada inicial, cunha charla de formación arredor das estratexias educativas incluídas nos contidos do programa.

XI Premio Compostela
No marco da XVIII Campaña Municipal de Animación á Lectura, o Departamento de Educación e Cidadanía e Kalandraka convocaron o XI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cuxo prazo de envío de traballos rematará este vindeiro luns 14 de maio. Está aberto á participación de autores/as e ilustradores/as de todo o mundo que presenten obras orixinais e inéditas escritas en calquera lingua oficial da Península. O fallo do xurado coñecerase na última quincena de xuño e o premio consistirá na publicación do traballo distinguido nas cinco linguas peninsulares, ademais de 9.000 euros como adianto polos dereitos de autor.

Ao longo das dez edicións precedentes a cantidade de traballos presentados supera os 3.000 proxectos, procedentes de numerosos países. Cerca, Un gran soño, A familia C, A viaxe de Olaf, Bandada, Mamá, Ícaro, Despois da chuvia, Unha última carta e A horta de Simón foron as obras premiadas polo xurado, do que teñen formado parte figuras tan destacadas da literatura infantil e xuvenil como os premios nacionais Xabier Docampo, Fina Casalderrey, Miguel Calatayud e Emilio Urberuaga, editoras como Esther Tusquets e Felicidad Orquín, ou artistas como Roberto Innocenti, entre outros.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago persegue achegar a lectura, a ilustración e a escritura aos nenos e nenas, nun marco agradable e motivador que favoreza a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, favorecendo que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tampouco se descoida a importancia da tradición oral como vehículo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego.

Compartir: