EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Remata a exposición "Santiago pintado", da ilustradora Isabel Rey

04/05/2018 O pazo de Fonseca acolleu, dende o 15 de marzo e ata hoxe, a exposición Santiago pintado, formada por 15 pinturas a tamaño grande da ilustradora Isabel Rey. Ata alí achegouse esta mañá o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, con alumnos e alumnas do CEIP Monte dos Postes.

A exposición ten un dobre enfoque, a educación patrimonial e a educación artística, converténdose nunha iniciativa que pretende desbordar os marcos da educación regrada. É o resultado da colaboración entre o Concello e a Universidade e conta cos textos de Natalia Conde, Juan Coira e Carlos J. Galbán, ademais do deseño de Fernando Cortizo.

Santiago pintado pretende contaxiar o pracer de debuxar do natural. Os cadros e bosquexos serven de escusa, pois tomando a cidade de Santiago como eixo temático, inténtase reflectir unha visión diferente das xa manidas fotos dos soportais e da pedra mollada. A intención é ofrecer un novo enfoque que resalte lugares que normalmente pasan desapercibidos. Ademais, creouse un blog a través do cal se abarcan distintos puntos de análise. En palabras da autora, Isabel Rey, "trátase dun proxecto aberto que vai máis alá da exposición e ten continuidade nos propios centros educativos a través dos debuxos dos escolares".

Compartir: