EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Municipal de Música representará a Santiago de Compostela na VI Mostra Musical do Eixo Atlántico

04/05/2018 Este sábado 5 de maio, ás 9:00 horas, comezará na vila portuguesa de Vila Real a Mostra Musical do Eixo Atlántico, na que participarán alumnos e alumnas de escolas de música e de conservatorios municipais das cidades do Eixo Atlántico, interpretando as pezas que estiveron preparando ao longo dos últimos meses coa axuda dos seus profesores e profesoras.

Na categoría de agrupacións, e en representación da cidade de Santiago de Compostela, participará nesta edición a Banda da Escola Municipal de Música, que acode á Mostra cunha formación de 45 integrantes de idades entre os 10 e os 22 anos. Na primeira fase interpretarán "Ela", de Andrés Álvarez, e "Into the storm", do compositor Robert W. Smith. Para a fase final está prevista a interpretación de "Heijamano", do compositor neerlandés Bert Appermont, e "7 years in the Tibet", de John Williams.

Na categoría de solistas, a representación compostelá virá da man da saxofonista Uxía Caneda Cao, que cursa o último curso na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela. Na fase previa interpretará a "Fantaisie sur un thème original", de Jules Demersseman. Para a seguinte ten previsto interpretar o "Concerto para saxofón alto" do compositor ruso Alexander Glazunov.

A fase final da Mostra terá lugar na mañá do domingo 6 de maio no Gran Auditorio do Teatro Municipal de Vila Real, e nela participarán as agrupacións e solistas clasificados/as na primeira fase. Nese mesmo marco entregaranse os premios a partir das 15:00 horas, dando por clausurada esta VI edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico.

Festival de Música e Movemento
Por outra parte, o martes 8 e o mércores 9 de maio, ás 18:30 horas, o Auditorio Abanca acollerá o Fes-tival de Música e Movemento que tradicionalmente organiza o Departamento de Música e Movemento da Escola Municipal de Música. Este evento ten por finalidade dar a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses na Escola. Participarán máis de 185 alumnos e alumnas de idades comprendidas entre os 3 e os 7 anos, acompañados/as do profesorado da EMM e das súas familias.

"Hoxe soñei ser..." é o título dun festival no que, a través de 15 pezas musicais, se pon en valor a capacidade de imaxinar e de "soñar ser" dos e das nenas, facendo un especial fincapé nun modelo feminista da educación. O obxectivo principal deste traballo é, por medio da música, rachar cos esterotipos e cos roles asociados aos xéneros dende as idades temperás a prol dunha educación liberadora da persoa por riba das expectativas asociadas tradicionalmente aos xéneros; masculino, feminino, trans ou intersex.

Compartir: