POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello esíxelle ao IGVS unha alternativa habitacional para os casos de desafiuzamentos

03/05/2018 O Concello de Santiago reclama á Xunta de Galicia que, ante a ameaza de desaloxo dunha familia de Compostela, o Instituto Galego de Vivenda e Solo sexa quen de ofrecer unha alternativa habitacional axeitada.

A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, manifestou en reiteradas ocasións "a problemática e extrema sensibilidade" do caso en cuestión, tanto para a propia familia como para a súa contorna, sen que iso sexa motivo suficiente para deixar a unha familia sen vivenda. Por iso lle remitiu un escrito ao IGVS no que sinala que é competencia da Xunta de Galicia, atopar unha alternativa habitacional para esta familia ao mesmo tempo que amosou "a nosa preocupación de que sexa un instituto de vivenda pública o que realiza nesta ocasión un lanzamento e que isto poida supoñer novos casos no futuro". O Insituto de Vivenda debería ter unha oferta diversa e variada adecuada ás características e necesidades das familias, xa que non sempre as vivendas residenciais comunitarias son a mellor opción.

Insiste a concelleira en que o IGVS "debería ter un equipo para o acompañamento e intervención social que se coordinase cos servizos sociais comunitarios e preveese un procedemento de actuación nos casos que fose necesaria a reubicación de familias que se atopan en situacións semellantes, tal e como acontece con outros institutos públicos de vivenda".

No último ano e medio, o Concello de Santiago levou a cabo cerca de 200 actuacións con esta familia, traballando estreitamente con outros colectivos e entidades sociais da cidade e incidindo especialmente na procura dunha nova vivenda de alugueiro.

Trátase dun caso grave, que reflexa a vulnerabilidade extrema dunha familia, os factores de exclusión social que lle son inherentes e tamén as consecuencias que reverten no contorno comunitario mais inmediato.

Compartir: