CONSORCIO

O 14 de maio remata o prazo para inscribirse no curso de posgrao de especialización orquestral, que permite ao alumnado formarse coa Real Filharmonía de Galicia

02/05/2018 Está aberto o prazo de inscrición para o Curso Avanzado de Especialización Orquestral (CAEO) 2018-2019. Impártese na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago. Diríxese a músicos/as instrumentistas con titulación superior que teñan como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional.

O curso, que xa celebra a súa sétima edición, dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de xuño de 2019. As solicitudes para inscribirse no mesmo deberán presentarse ata o 14 de maio a través da páxina web da Escola: www.eaem.es.

Todo o alumnado disporá dunha bolsa por unha cantidade de 300 euros ao mes. E, como alumnos/as de pleno dereito da Universidade de Santiago, terán posibilidade de aloxamento na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, situada a 180 metros da Escola.

Este curso de posgrao ofrece aos/ás futuros/as músicos/as a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos/as da RFG. E cada alumno/a participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas e clases maxistrais das diferentes especialidades impartidas por solistas de recoñecido prestixio convidados polo centro. Tamén participarán en concertos públicos dentro da programación "A Escola na cidade".

Os/as aspirantes terán que amosar as súas habilidades nunha audición
A Escola ofrece 18 prazas nas diferentes especialidades: 6 para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 para contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión. Xunto coa documentación, os/as aspirantes deberán presentar un vídeo no que se mostre a interpretación das obras requiridas. Os/as preseleccionados/as realizarán unha proba final, que terá lugar a mediados de xuño e consistirá nunha audición na que os/as candidatos/as terán que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado.

Compartir: