EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Preto de 200 alumnos e alumnas de 11 centros participan no XXIII Certame de Teatro Intercentros

02/05/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou o XXIII Certame de Teatro Intercentros, que un ano máis se celebrará no Teatro Principal. O certame comezará o 7 de maio e estenderase ata o 22 de maio.

O Certame de Teatro Intercentros, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, segue ofrecendo a alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato de Santiago e comarca a oportunidade de amosar ao público o traballo teatral realizado ao longo do curso nos centros escolares.

Os preparativos do certame comezan ao principio do curso, no que se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, os vestiarios ou o decorado, e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral. Chegado maio, todas as obras son interpretadas no Teatro Principal nunhas funcións abertas ao público.

Manuel Dios destacou que "non só se trata dunha actividade lúdica, senón que é moito máis complexa e completa e permite reivindicar o teatro como ferramenta educativa". Na mesma liña se pronunciou Sagrario Torrado, a coordinadora dos equipos de normalización lingüística, quen puxo en valor "a participación de dous novos centros que se incorporan ao certame como o de Roxos e o de Dodro".

O mestre e director teatral Daniel Bahamonde indicou que "o obxectivo deste certame non é xerar novos actores ou actrices, senón inculcar o amor polo teatro galego, que é todo aquel que facemos en Galicia". Na rolda de prensa tamén tomaron a palabra Brais Pena e Irene Ouzande, alumno e alumna do CEIP de Roxos e do Xelmírez I, respectivamente. Brais asegurou que o teatro lle permite "expoñer e vocalizar mellor en clase" e Irene indicou que tamén lle axuda a "desconectar, a perder a vergoña e a entender aos compañeiros e compañeiras sen necesidade de falar".

Calendario
As representacións comezarán o 7 de maio ás 10:30 horas coa obra Odisea polo universo de Agustín Fernández Paz, da man dos alumnos e alumnas do IES Eduardo Pondal. Ás 12:30 horas será a quenda do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Bailerón, de Dodro, coa obra A arboriña de Nadal. Xa pola tarde tócalle a vez ao IES Rosalía de Castro, coas obras Pelagatos e Ágora, ás 17:30 e 20:00 horas, respectivamente.

O 8 de maio pola mañá, os alumnos e alumnas do IES Antón Fraguas subirán ás táboas do Principal para representar Universos de lectura e As instancias da morte, en horario de mañá. Xa pola tarde é a vez do IES Pontepedriña, con Over the rainbow, e do IES Xelmírez I, con Punto de fuga. As representacións dos institutos de secundaria chegarán á súa fin o 21 de maio co traballo do CPI dos Dices-Rois, A taberna do Chato.

O alumnado dos colexios de primaria realizará as súas obras teatrais os días 21 e 22 de maio, día no que se porá fin a esta edición número 23 do Festival de Teatro Intercentros. Así, o alumnado do CEIP de Roxos interpretará Restaurante Farruco o 21 de maio ás 10:30 horas. Unha hora máis tarde é a quenda do CEEPR Aspanaes con Así é o meu corazón. O 22 de maio, ás 10:30 horas, o Colexio San Jorge traerá para todos os públicos a obra Monstros. Pechará o certame o CEIP López Ferreiro, con Rillotes.

Documentos relacionados



Compartir: