ALCALDÍA

A Regueifesta reúne no Auditorio máis de mil escolares de toda Galicia

02/05/2018 Máis dun milleiro de escolares de toda Galicia asistiron esta mañá no Auditorio á Regueifesta, o encontro arredor da improvisación oral en verso. Alba María, Josinho da Teixeira, Séchu Sende e Manolo Maseda participaron no evento, ao que foi convidado alumnado de Euskadi e de Cataluña. Ademais, no marco da Regueifesta entregáronse os premios da II edición do certame Enreguéifate.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero, asistiron tamén á Regueifesta. O rexedor compostelán mostrouse "orgulloso polo éxito do programa Enreguéifate, pola alta participación, pola mostra de boa colaboración institucional entre catro concellos, e porque a capital do país canaliza a recuperación da tradición da regueifa". En canto á Regueifesta, Martiño Noriega valorou "moi positivamente o feito de que hoxe se xunten aquí distintas culturas: a regueifa galega, o bertsolarismo vasco e a glosa catalá".

Ao evento desta mañá acudiron estudantes de Primaria e de Secundaria chegados de diversos puntos de Galicia, como Compostela, Teo, Ames, Padrón, Pobra de Trives, Viveiro, Cambre, Carballo, Rianxo, Boiro,Vimianzo, Lugo, Pontevedra, Burela, Baio, ou Vila de Cruces. Ademais, serviu tamén de encontro interxeracional ao compartir espazo coas persoas gañadoras do certame Enreguéifate, no que participaron dende nenos e nenas até persoas maiores.

Durante preto de dúas horas, e co apoio de diversas proxeccións audiovisuais, fíxose un percorrido pola xeografía galega a través dos diferentes xeitos de improvisar (regueifas, brindos, bombas, xenerais da Ulla) para saltar despois ao bertso de Euskadi e á glosa de Catalunya da man de alumnado destes dous lugares que se atopa estes días en Galicia. Nenas, nenos, mozas e mozos da nova xeración galega de repentismo foron as encargadas de encher o escenario de versos improvisados, ademais de contar con música en directo a cargo de rapazada de varios dos centros educativos asistentes. Sumado a isto, estableceuse unha conexión entre o repente tradicional e outras formas de improvisación máis modernas, contando cun número centrado no freestyle.

Premios Enreguéifate
No marco da Regueifesta, hoxe entregáronse os premios Enreguéifate, que promoven os concellos de Santiago, Ames, Teo e Carballo.

Na categoría xeral, a regueifa máis brava foi para As Pataqueiras, de Coristanco, por un vídeo titulado A batalla interxeracional. A regueifa máis aguda outorgouse de xeito compartido entre Os Conxugadores, do barrio compostelán de Conxo, por O regueibaile, e Elektrofadas, de Vigo, por Regueifa de maiores contra pequenas. En canto á regueifa máis diversa, o galardón foi para Inter.regueifam, de Viveiro, por O ensaio; a máis reivindicativa levouna a Chavalada da Pontragham, de Tordoia, por Re-enregueifándonos na Pontragha; e a mellor cantada foi para Entre Nós, de Malpica, por Regueifa das Xeracións. Por último, a regueifa mellor falada na categoría xeral foi a das Regueifeiras da Ameixenda, de Ames, por Regueifa das amigas.

Na categoría escolar, a máis concorrida, a regueifa máis brava foi para o do CPI Poeta Uxío Novoneyra, de Pedrafita do Cebreiro, por Regueifa do Cole Rural; a máis aguda para o CEIP Gonzalo Torrente Ballester, de Cambre, por Persoeiros regueifeiros; a máis diversa para o CEE Manuel López Navalón, de Santiago, por Emoticonas, sistemas alternativos de comunicación; a máis reivindicativa outorgouse de xeito compartido para o IES Plurilingüe de Ames, por Regueistyle e o CEIP Ana María Diéguez (Asados-Rianxo), por A regueifa do pucho do monte; a mellor cantada foi para o IES Perdouro (Burela), por Patacas Bravas; e a mellor falada para o IES Nº1 do Carballiño, por Regueifa da papatoria.

Ademais, o xurado decidiu concederlle un recoñecemento especial a dous alumnos do IES A Cachada de Boiro, Lois Cespón e Brais Yáñez, pola orixinalidade e calidade da súa proposta Caladas de tempo baldeiro, na que trasladaron a arte da improvisación oral en verso ao freestyle.

Direcciones relacionadas



Compartir: