DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E TURISMO

"Caravaning Compostela" alcanza a súa quinta edición como a única feira específica do sector en Galicia

02/05/2018 Área Central acolle a partir deste venres 4 a quinta edición da feira do camping, caravaning e autocaravaning Caravaning Compostela, a única feira específica sobre este sector que se celebra en Galicia. Os afeccionados e afeccionadas teñen unha ocasión perfecta para atopar nun único punto as empresas máis importantes e as principais marcas do sector do caravaning e autocaravaning de Galicia. O evento foi presentado pola concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o presidente de Área Central, Javier Suárez-Vence, e o organizador da feira, Javier González.

Unha das novidades deste ano é que a feira se desenvolverá en dúas fins de semana, dende este venres 4 ao domingo 6 e dende o seguinte venres 11 ao domingo 13 de maio. Deste xeito, as persoas interesadas terán dobre ocasión para visitar a feira e poder planificar as súas vacacións estivais usando estes vehículos.

A feira comercial verase complementada con dúas charlas a cargo de persoas relacionadas co caravaning. O venres 11, Rubén Prieto, actor e colaborador no programa de televisión El hormiguero, visitará Area Central para falar da súa experiencia como autocaravanista. O sábado 12, os protagonistas serán os responsables do blog de viaxes La Gaviota Viajera, que se converteron nun referente en redes sociais e que tamén nos falarán das súas propias vivencias á hora de viaxar en autocaravana.

A edición deste ano, que como todos os anos conta coa colaboración do Concello de Santiago, distribuirase entre a praza de Europa (a praza interior) e algunhas zonas dos corredores de Area Central, espazos que se encherán de máis de medio centenar en vehículos en venda ou aluguer.

A concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, puxo o foco no número de edicións que se levan celebrado desta feira, "o que amosa o éxito que ano a ano ten na nosa cidade", ao tempo que destacou "a colaboración do Concello de Santiago cun tipo de evento que axuda a dinamizar o barrio das Fontiñas e que nesta quinta edición o fará durante dúas fins de semana".

Promoción turística
Esta feira é un grande escaparate para promocionar a práctica, cada vez máis en auxe, do camping e do caravaning, así como unha plataforma comercial e de divulgación deste estilo de ocio familiar. Esta iniciativa tamén pretende descubrir este xeito de desprazarse e de facer turismo entre as persoas que non a coñecen.

As empresas que repiten a súa presenza dende a primeira edición en Área Central serán Yakart Centro Caravaning, Galicia Caravaning, Caracol Park e Caravanas Mallón. Nesta edición súmase tamén Caravanas Costa. Os corredores de Area Central tamén contarán con stands vinculados a estas prácticas, como casas de motos e furgonetas da marca Volkswagen.

Alcanzada xa a quinta edición, Área Central aposta por traballar na consolidación desta feira, a única que se celebra en Galicia sobre esta temática e que consegue atraer a visita de persoas de diferentes puntos das catro provincias galegas. Os concesionarios participantes aproveitarán estes días para dar a coñecer as últimas novidades e os modelos máis recentes das marcas coas que traballan, así como ofrecer importantes descontos na venda e aluguer.

Caravaning Compostela forma parte do esforzo que realiza Área Central por ofrecer un calendario anual de eventos que resulten atractivos e enfocados cada un deles a públicos determinados; o que serve para complementar a oferta comercial, de restauración e de servizos de Área Central.

Compartir: