CONVIVENCIA

O Concello colabora coa Caravana de Educación Viaria que a Fundación Mapfre trae a Santiago a próxima semana

26/04/2018 Máis dun milleiro de escolares de Santiago de entre 8 e 12 anos poderán participar na Caravana de Educación Viaria que a Fundación Mapfre traerá a Santiago entre os días 30 de abril e 4 de maio. O Concello colabora con esta actividade, dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 12 anos.

A Caravana de Educación Viaria da Fundación Mapfre chegará este ano a 24 cidades de España e Portugal. En Santiago estará instalada do 30 de abril ao 4 de maio, no recinto feiral de Amio. Nela, expertos en seguridade viaria transmitirán a importancia de usar sistemas de retención infantil, de levar sempre o cinto abrochado, e de usar o casco ciclista. Tamén darán conta de cales son os comportamentos clave para previr os accidentes de tráfico. Nesa liña, a Caravana contará cun taller no que se promoven a convivencia, a tolerancia e o diálogo, valores que axudan a evitar os sinistros viarios. Por último, a instalación contará co chamado "Rincón da prevención", no que os escolares terán que identificar situacións de risco no colexio, no fogar ou nos espazos públicos.

A Caravana de Educación Viaria estará aberta ao público en horario de mañá para os centros escolares, e pola tarde para o resto do público.

Compartir: