CONSORCIO

Un libro relata a historia do emblemático edificio Castromil e do seu antecesor, o Quiqui Bar, símbolo no seu día de modernidade en toda Galicia

26/04/2018 O Consorcio de Santiago e Edicións Positivas acaban de publicar o libro De Quiqui Bar… a Castromil, de Francisco Macías, director de Edicións Positivas. Preséntase esta tarde na Fundación Torrente Ballester, ás 19:30 horas. No acto estarán, ademais do autor e coeditor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; e o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde.

O Quiqui Bar construíuse entre os anos 1925 e 1926 sobre un solar baleiro. O resultado foi un edificio modernista promovido polos composteláns Manuel Ramallo Gómez e Ángel Gontán Sánchez e ideado polo arquitecto coruñés Rafael González Villar. Con el elevouse a calidade dos establecementos santiagueses ata niveis nunca antes coñecidos. O máis avanzado da época no eido construtivo estaba alí, dende un chan poroso ata escaleiras de mármore, xunto ás súas famosas vidreiras. E poñía as novas músicas e os novos gustos ao alcance de todos, de xeito que non tardou en converterse nun símbolo de modernidade en toda Galicia.

Na planta baixa estaba o restaurante, rodeado dunha chea de mesas de mármore para xogar, sobre todo ao dominó e aos naipes. Na parte superior había salas destinadas ás tertulias e un amplo local para bailes, concertos… E mesmo había xa espazos para fumadores. A zona sur do edificio remataba nunha parede lisa á que se pegaban varios quioscos de venda de complementos para gozar mellor dos espectáculos ou dos xantares.

Castromil
Pero a quebra económica chega en 1929 e aparece Evaristo Castromil, que compra o edificio para acoller as oficinas da súa empresa de autobuses, que se instalarán na planta baixa. A Comandancia Militar e a Subdelegación de Facenda pasaron a ocupar a parte superior. O empresario quixo vivir na planta superior pero a súa dona non aturaba a contaminación que provocaban os autobuses nin o ruído. E foi esa, segundo distintas voces, unha circunstancia clave no futuro do edificio. "Se a familia Castromil continuase vivindo no inmoble é posible que nunca se demolese", indica Francisco Macías.

"No ano 1972, a densidade do tráfico obriga a facer unha estación de autobuses, á que se traslada Castromil, deixando o que fora Quiqui Bar abandonado, silenciado e baleiro. En 1974 Santiago xa medrara moito e, co Ano Santo 1976 preto, os coches solicitaban paso para eles e os condutores aparcar o máis preto posible da zona vella e das súas casas", explica o autor. Así, en maio de 1975, o Concello anuncia un concurso para a reordenación da entón chamada Praza de Gelmírez e para a construción e explotación dun estacionamento urbano e derribo das edificacións existentes. En setembro dese ano comezou o proceso de derrube do edificio Castromil, que rematou no mes de decembro.

Os coches como eixe urbanístico
"O edificio modernista que naceu como Quiqui Bar e acabou sendo coñecido como Edificio Castromil é unha desculpa para falar da época da súa construción, da vida compostelá dos anos 20 do século pasado, da economía, a arquitectura, o urbanismo, a música, os cafés… da cultura. E, ademais, das épocas tristes que mataron este rexurdimento, os anos 70. E, como non, dos motivos e os protagonistas da demolición e das resistencias e resistentes a tales intencións", manifesta Francisco Macías. O autor salienta que a finalidade desta publicación é "lembrar e, xa de paso, saber máis para coñecermos mellor Compostela".

O autor destaca que De Quiqui Bar… a Castromil "é unha historia da cidade. A destrución do casal que ocupaba todo o centro da actual praza de Galicia sucedeu na época de inicio do desarrollismo, o que implicou unha certa aculturización e falsa modernidade que desprezaba o antigo e facía dos coches o eixo do urbanismo compostelán. A destrución deste edificio e de toda a praza é unha das primeiras vítimas do que algúns consideran aínda hoxe o auténtico protagonista das políticas urbanistas e económicas, o automóbil".

Macías sinala que "se ben a resistencia á demolición foi escasa, si que debemos recoñecer e loar todas as persoas e organizacións que se opuxeron e mesmo traballaron en facer propostas alternativas aos intentos municipais de demoler unha riqueza só para construír un aparcadoiro. O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e principalmente determinados arquitectos, loitaron por protexer un ben común, un inmoble fermoso e útil para a poboación".

"Como o edificio Castromil segue na memoria dos composteláns, é polo que publicamos este libro, para comezar a aclarar unha cronoloxía da vida do edificio, da praza, e mesmo dalgúns aspectos da cidade e dos protagonistas. Aínda hoxe non se comprenden nin se aceptan os motivos da demolición, motivos que si se entendían naquela época recente", apunta o autor.

Compartir: