IGUALDADE

O programa Verán CampUSC fomentará a igualdade e a conciliación durante os meses de verán

26/04/2018 O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Igualdade, colabora por terceiro ano consecutivo coa Fundación USC Deportiva e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC no programa Verán CampUSC 2018, concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer, desenvolvida no período de verán. Permitirá a pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar neste período, así como aquelas persoas que aínda non tendo vinculación coa comunidade universitaria precisen desta actividade de conciliación.

Coma en anos anteriores, continuarán a colaborar a Oficina de Igualdade de Xénero e o Servizo de Deportes da USC. Neste proxecto amosaráselle aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes, atendendo as súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. A práctica de actividades físico-deportivas non só é boa a nivel de saúde, senón tamén para inculcar dun xeito lúdico os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que sen dúbida resultarán de utilidade para a vida cotiá.

Na presentación do programa estivo a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, quen destacou que "o Concello tamén colabora na visibilización das mulleres na ciencia combatendo os estereotipos de xénero e co apoio dos estudos universitarios en materia de igualdade".

O programa desenvolverase en cinco quendas, comezando a primeira o 22 de xuño e rematando a última o 7 de setembro, e terá lugar de luns a venres de 8:45 a 14:45 horas, para facilitar a conciliación persoal e familiar.

Máis prazas e menor custo
A colaboración do Concello, que se plasma a través dunha achega económica, permitirá continuar ofertando 500 prazas (100 por quenda), das cales 150 (30 por quenda) estarán reservadas a nenos e nenas que non teñen vinculación coa USC. O programa desenvolverase no Campus Vida, concretamente nas instalacións deportivas da USC e noutras acordadas segundo actividades planificadas. Os prezos varían en función das quendas e haberá descontos pola inscrición de varios irmáns ou irmás.

Preinscrición
Dende o 24 de abril ao 7 de maio de 2018 estará aberto o período de preinscrición para todo tipo de solicitantes. A preinscrición farase cubrindo o cuestionario establecido a tal efecto na páxina web da Fundación USC Deportiva.

O 9 de maio, como data límite, publicaranse na web da Fundación USC Deportiva as listas provisionais de persoas admitidas en cada quenda. Os días 9 e 10 de maio terá lugar un período de reclamacións e emenda de erros nas listaxes publicadas. O 14 de maio publicaranse na web da Fundación USC Deportiva as listas definitivas de persoas admitidas en cada quenda.

Inscrición
As persoas admitidas no período de preinscrición poderán formalizar a súa praza efectuando o pagamento dende o momento da publicación das listas ata o 27 de maio. No caso de que o número de preinscricións de comunidade universitaria nalgunha quenda fose inferior a 70, ou inferior a 30 no caso do público xeral, quedará aberto tamén neste momento o prazo de inscrición para quen non teña feita preinscrición, ata cubrir as prazas vacantes.

O 28 de maio comunicarase a través da web en que quendas quedan prazas dispoñibles. A partir dese momento, as prazas, abertas a todos os públicos, iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición. As persoas inicialmente admitidas no período de preinscrición que non formalicen a praza antes do 27 de maio perderán a súa reserva de praza e só poderán inscribirse posteriormente, no caso de que aínda houbera prazas libre.

Programación
A programación de actividades do Verán CampUSC 2018 contempla un amplo abano de actividades deportivas e de ocio e tempo libre planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. Nesta edición, a programación dividirase en dous grandes grupos metodolóxicos: a ensinanza por proxectos en Infantil e a metodoloxía comprensiva. Para os máis pequenos traballarase a través dun proxecto. Este tipo de ensino utiliza un ambiente ou contido concreto para traballar todo o relacionado cunha mesma materia.

Por outra banda, traballarase un modelo de ensinanza polideportivo baseado na metodoloxía comprensiva, que ten como principios a cooperación, a toma de decisión e a priorización da táctica sobre a técnica. Realizarase un amplo número de deportes, todos eles baseados nun clima de respecto, igualdade e amizade. É importante destacar que todas as sesións do Verán CampUSC teñen como obxectivo ofertar unha ampla variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, lles permita practicar deporte de forma autónoma, duradeira e pracenteira. Dentro das actividades de ocio e tempo libre inclúense diferentes obradoiros con diversas técnicas e materiais (modelaxe, pintura, recortables, papiroflexia…), cancións, xogos cooperativos, actividades en favor da igualdade e visitas a lugares significativos da cidade ou do seu contorno, etc.

Os horarios e a programación das actividades de cada quenda faranse en función das idades dos nenos e nenas e da duración da quenda, polo que non todos os rapaces e rapazas ou en todas as quendas se farán as mesmas actividades. A programación detallada publicarase na web da Fundación antes do comezo de cada quenda.

Direccións relacionadas



Compartir: