DEPORTE

Aberta ata o 2 de maio a inscrición para participar na XIV Andaina dos 50 km

26/04/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá a décimo cuarta edición da Andaina 50km, organizada polo Club deportivo Fontiñas, que se celebrará o sábado 5 de maio. Na rolda tamén estivo Iñaki Bilbao, representante da sección de montaña do club organizadora.

Esta proba está incluída na Copa de Andainas de 50 km da Federación Galega de Montañismo. A saída, que será na praza de Europa en Área Central, producirase ás 9 da mañá, habendo un prazo máximo de 12 horas para completar o percorrido.

Tal e como destacou Noa Morales, "esta andaina ofrécenos unha ocasión única para gozar das paraxes máis atractivas do entorno da nosa cidade, como Sarela, Gatofero, Tambre, Pedroso ou Monte Viso". O recorrido reproduce practicamente o trazado dos anos anteriores, con algunha variante. Mantense como punto de saída Área Central, que será tamén o punto de cruce dos dous bucles que compoñen a andaina. O primeiro deles parte de Área Central e dende o Parque de Vite segue a Guadalupe, Romaño, Río Sarela, Bargo, Río Gatofero, Grixoa, Río Tambre, Aradas, Pardaces, Monte Pío, parques de Galeras, Finca Simeón, Auditorio de Galicia e Vite, finalizando en Área Central. O segundo bucle, que foi unha das novidades da pasada edición, pasa por Pontepedriña, Santasmariñas, Angrois, Santa Lucía, Aríns, Sanxuás, o monte Viso e final en Área Central.

Haberá puntos de avituallamento de bebida, froita e froitos secos cada 10 quilómetros, e nos km 20 e 30 tamén bocadillos. Os participantes poden completar o recorrido, sinalizado en todos os seus tramos, ou ben abandonalo en calquera punto intermedio, para o que estarán previstos medios de recollida e traslado á saída; sen prexuízo das numerosas liñas de autobuses urbanos próximas ao recorrido. Repítese a opción iniciada no 2017: facer soamente o segundo bucle, con saída controlada ás 15:30 horas dende Área Central.

O prazo para inscribirse nesta andaina finaliza o 2 de maio. Os datos da proba, inscricións, datas, etc. poden consultarse na web da Andaina ou a través do teléfono 981 577 928 ou do enderezo de correo andaina50kmsantiago@gmail.com. A día de hoxe xa hai máis de 160 persoas inscritas, co que se superará a participación de anos anteriores.

Direccións relacionadas



Compartir: