EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Os institutos de Santiago seguen traballando sobre o Banquete de Conxo

18/04/2018 Os institutos de Santiago de Compostela continúan a traballar durante este mes de abril en torno á programación didáctica O Banquete de Conxo de 1856. A confraternización como símbolo, realizada por Alfonso Iglesias, profesor de Historia da Universidade do Porto e membro do grupo Hispona da Universidade de Santiago.

O autor da unidade didáctica e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitaron este martes o IES Eduardo Pondal, un dos centros nos que se está traballando sobre este acontecemento histórico do Banquete de Conxo. O Concello editou 1.500 exemplares que distribuíu por todos os institutos de Compostela.

A programación didáctica incorpora dous roteiros para visitar espazos onde viviron os protagonistas do Banquete, ao mesmo tempo que incorpora outro máis longo polo propio barrio de Conxo. A unidade didáctica fai un percorrido pola historia ou a política da Compostela de mediados de século XIX. Tamén inclúe imaxes da época e fragmentos dos brindes que se levaron a cabo durante a celebración do Banquete.

O Banquete de Conxo de 1856. A confraternización como símbolo é a terceira unidade didáctica da colección Coñecer Santiago, cidade educadora, lanzada pola Concellaría de Educación e Cidadanía. Antes xa se publicaran Brundibar e O soño roto. En breve editaranse outras unidades sobre María Miramontes ou Maruja Mallo.

Compartir: