EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O ciclo de sesións didácticas da Escola Municipal de Música chega por oitavo ano ás escolas infantís

10/04/2018 Segue en marcha a oitava edición do ciclo de sesións didácticas que a Escola Municipal de Música de Santiago vén realizando nos centros educativos da cidade. Este martes, a proposta chegou ás escolas infantís de Compostela. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, asistiu a unha destas sesións na Escola Municipal das Fontiñas.

Estas sesións didácticas teñen como obxectivo promover o achegamento da música ao alumnado das escolas infantís do municipio. En cada xornada, tres profesores da EMM visitan os centros educativos para contar un conto que introduza conceptos musicais básicos adaptados á súa idade.

Durante as sesións, duns 30 minutos de duración, os alumnos e alumnas escoitan unha das dúas historias preparadas polo profesorado da Escola Municipal de Música. A primeira delas é a historia de Miguelón, que conta como na noite máis máxica do ano, a de San Xoán, descubriu un misterioso instrumento no interior do bosque. O outro conto é a historia dun pintor que non tiña cores coas que pintar as súas ideas, e como un día decidiu saír na súa busca. Nesa viaxe atopou moito máis do que agardaba atopar…

Nestas sesións participan, dunha banda, a profesora de etnomusicoloxía e música e movemento Beatriz Busto, a profesora de violín Loida Díaz e o profesor de violoncello Guillermo Alzugaray e, doutra banda, a profesora de contrabaixo e música e movemento Pilar López, o profesor de percusión Antonio Ocampo, e o profesor de clarinete David Nogueira.

Na mañá deste martes celebráronse sesións nas escolas infantís de Conxo, Meixonfrío-Salgueiriños, As Fontiñas e Tambre. Para o martes 17 de abril quedan as sesións didácticas nas escolas de San Roque e Tras Parlamento.

Compartir: