ALCALDÍA

O alcalde solicitará unha reunión coa Secretaría de Estado de Medio Ambiente para analizar a proposta da EDAR da Silvouta

09/04/2018 O alcalde solicitará unha reunión coa secretaria de Estado de Medio Ambiente e presidenta de Acuaes, María García Rodríguez, para seguir analizando a proposta do Concello para a construción da nova EDAR na Silvouta. Martiño Noriega quere "esgotar todas as vías, despois da decepción da reunión celebrada hoxe coa directora xeral de Acuaes, que mantén exactamente a mesma proposta para a depuradora do Souto que foi rexeitada polo Pleno da Corporación".

Ao remate da xuntanza celebrada esta tarde no Pazo de Raxoi, o alcalde lamentou "a posición ríxida e inmobilista de Acuaes e Augas de Galicia, mentres que o Concello é a única administración que propón novas alternativas para solucionar o grave problema ambiental que ten Santiago". Martiño Noriega insistiu en que "os responsables de Acuaes e Augas de Galicia non moveron as súas posturas, nin no relativo ao reparto económico que supón un agravio comparativo para Compostela, nin no que ten que ver coas tecnoloxías".

Principal discrepancia
O alcalde explicou que a principal discrepancia en relación á proposta do Concello para a Silvouta ten que ver cos prazos para a Declaración de Impacto Ambiental. Mentres Acuaes e Augas de Galicia manteñen que sería preciso un proceso administrativo dunha duración estimada de dous anos, "o Goberno local mantén que é preciso facer un proceso simplificado, porque así se fixo noutros casos como o de Ciudad Real, e iso precisaría un prazo de tres meses que, polo tanto, non poría en risco os fondos europeos comprometidos para a EDAR". Martiño Noriega insistiu en que "non nos parece aceptable que o que valeu para outras cidades non valga para Santiago, e se opte pola localización do Souto sen contar que neste caso hai outros trámites que precisan o seu tempo e que non son precisos na Silvouta, como o das expropiacións ou as modificacións de planeamento".

Menos custo e menor impacto ambiental
O alcalde lamentou que "Acuaes e Augas de Galicia manteñan posicións de máximos e non queiran analizar unha proposta do Concello de Santiago que está avalada academicamente e que suporía un menor custo e un menor impacto ambiental". Ademais incidiu en que hai que explicar "por que non podemos aspirar a que a EDAR de Santiago teña a mellor tecnoloxía, máis moderna e máis barata".

A proposta do Goberno local pasa por construír a nova EDAR na localización da actual depuradora da Silvouta, sen interromper o seu correcto funcionamento. Para iso, utilizaríase a tecnoloxía granular aerobia, que require instalacións de dimensións reducidas e cun consumo enerxético moito menor ao doutras depuradoras. Os prazos de construción da EDAR tamén sería moito menor que o estimado para o Souto, previsiblemente tres anos.

Na reunión celebrada esta tarde no Pazo de Raxoi participaron o alcalde, Martiño Noriega; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; a directora xeral de Acuaes, Aránzazu Vallejo; e o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez. Tamén asistiron técnicos das tres administracións implicadas, así como os expertos universitarios que avalaron a proposta.

Compartir: