ACCIÓN CULTURAL

Ibuprofeno Teatro presenta en Compostela "Casa O’Rei", obra coa que pecha a súa triloxía gastronómica

04/04/2018 A compañía Ibuprofeno Teatro presenta esta fin de semana en Compostela Casa O’Rei, obra coa que pecha a súa triloxía gastronómica tras O furancho e Raclette. Faino con dúas función, venres 6 e sábado 7, ambas ás 20:30 horas, no Teatro Principal. O espectacúlo foi presentado esta mañá polo director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López; o autor e director da obra, Santiago Cortegoso; e unha das actrices, Marián Bañobre.

Este texto de Santiago Cortegoso propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir do Rei Lear de W. Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega. Ao remate da representación do venres 6, teremos a #posfuncion para intercambiar opinión entre público e membros do equipo. Nela, presentada por Camilo Franco, falarase de herdanzas e sucesións con dúas avogadas especialistas no asunto, membros do equipo e, por suposto, o público. Como sempre, convídase aos asistentes a que comenten o espectáculo tanto nesta posfunción como nas redes sociais coas etiquetas #posfuncion e #euvexoteatrogalego.

Venda de entradas
As entradas para o evento poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 h de martes a sábado), en entradas.abanca.com ou no 981 910 522. Teñen un prezo de 12 euros, cos descontos habituais do 50% para desempregados, estudantes, maiores de 65 anos, menores de 25 anos, xubilados, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais.

Casa O’Rei
Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte pre-conxelada e adobada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.

Compartir: