ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O alcalde participa na primeira sesión para escolares da XVIII Campaña de Animación á Lectura

04/04/2018 Xa está en marcha a décimo oitava edición da Campaña Municipal de Animación á Lectura, que organiza a Concellaría de Educación e Cidadanía en colaboración coa editorial Kalandraka. O alcalde, Martiño Noriega, participou esta mañá na primeira sesión con escolares do programa, que xira ao redor de A horta de Simón, o título gañador da X edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.

O alcalde visitou esta mañá a Galería Sargadelos, onde se desenvolve a Campaña de Animación á Lectura. Martiño Noriega estivo acompañado polo concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; a concelleira de Cultura, Branca Novoneyra; o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, e representantes dos grupos da oposición. O alcalde mostrou a súa satisfacción polo éxito da Campaña, "pola que nestes 18 anos pasaron xa preto de 80.000 nenos e nenas, e que é un evento xa consolidado que fala moito da cidade e do amor de Compostela polo libro". Ademais, animou os rapaces e rapazas a "descubrir que lendo poden vivir miles de aventuras e viaxar a moitos mundos moi lonxanos".

Implicación da comunidade escolar
O concelleiro de Educación e Cidadanía quixo agradecer "a implicación e o entusiasmo do profesorado, que onte asistiron á sesión de presentación da Campaña de Animación á Lectura, e que volveron responder moi satisfactoriamente". Manuel Dios adiantou que os colexios da cidade "en menos de 24 horas fixeron xa reservas para participar no programa ata o próximo 5 de maio, día de finalización da campaña".

Contacontos, obradoiros e ata unha radio
Durante a Campaña de Animación á Lectura, os nenos e nenas poderán participar en sesións de contacontos e gozar da exposición, protagonizada polo libro A horta de Simón e polos seus personaxes. Tamén están programados obradoiros de ilustración para o alumnado de segundo ciclo de Educación Primaria, talleres de escrita creativa e sesións de contacontos para bebés de ata 3 anos.

O espazo da Campaña de Animación á Lectura en Sargadelos complétase cun pequeno estudio de radio para achegar os nenos e nenas a este medio de comunicación, e no que tamén se proxectan vídeos de música infantil con grandes coñecidos dos máis novos e novas, como Paco Nogueiras.

Compartir: