TURISMO

"Santiago Paixón Doce" celebra a súa III edición do 23 de marzo ao 2 de abril

22/03/2018 Santiago Paixón Doce, programa que naceu no 2016 baixo a marca paraugas de Compostela Gastronómica, celebrarase do 23 de marzo ao 2 de abril. Entre estas datas, as cafeterías participantes incluirán nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da cidade e da Semana Santa, en formato merenda, para incentivar o consumo de media tarde.

Santiago Paixón Doce nace da tradición larpeira da cidade, que conta con receitas ancestrais traídas hai séculos polas ordes relixiosas e tamén cunha longa tradición chocolateira, vida de América e transferida a Europa grazas á contribución do Camiño de Santiago. Ademais, coa chegada da Semana Santa e da Pascua, prepáranse numerosos doces e sobremesas de tempada, que se suman ás famosas roscas e aos tan populares ovos de Pascua: torrixas, leite fritido, bolos de vento, rosquillas, melindres e outras lambetadas desta época do ano.

Nesta terceira edición participan os seguintes locais, que ofertarán as seguintes merendas:

Tartitis, Paixón polo chocolate; Cervantes, Cervantes Santa; Paradiso, Tarde Picheleira; Lusco e Fusco, Fresas primaverais; Serendipia, Tentación de Coresma; Tosta e Tostiña, Primavera doce; Mora, A Resurrección; Herrma, Doce de Coresma; A Nave de Vidán, Merenda de Vidán; Los Abetos, Morna tardiña; Casino, Paseo polo Vilar; Blu Café, Filloa Mimosa; Airiños Aires, Comedela de Ramos; Metate, Metate Paixón; Stollen, Á Rica Pascua; Enxa, Serán Florido; e A Charca, Merenda Avoa Carmen.

Para fomentar o consumo, todas as persoas que proben as merendas de polo menos tres dos locais participantes recibiran como premio dous billetes para a Ruta dos Parques do Tren Turístico ou un pack de postais infantís de Santiago, mmm... que rico!, que se poderán recoller na oficina de información turística municipal.

Santiago Paixón Doce é organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. O obxectivo do evento é dobre: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa e, ao mesmo tempo, continuar consolidando a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos doces: tanto nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada.

Direcciones relacionadas



Compartir: