CENTROS CÍVICOS

O CSC de Santa Marta programa diversas actividades literarias e escénicas do 21 de marzo ao 4 de abril

20/03/2018 No Centro Sociocultural de Santa Marta queren celebrar a palabra. Por iso, con motivo do Día da Poesía e o Día do Monicreque (21 de marzo) e do Día do Teatro (27 de marzo), prepararon unha completa programación baixo o título "Expresarte", dirixido tanto a público infantil como adulto. Todas as actividades son de balde.

O calendario do "Expresarte" arranca este mesmo mércores ás, 17:00 horas, cun Obradoiro de construción de monicreques, dirixido a nenos e nenas entre 5 e 12 anos. Aprenderán a elaborar, con material de refugallo, monicreques que logo poderán usar para representar as historias máis divertidas. Hai 12 prazas dispoñibles.

Poesía, xogos teatrais e saída ao Principal
Tamén mañá, ás 18:30 horas, Ludo-Patrik presenta o seu espectáculo Poezie, para nenos e nenas entre 4 e 12 anos. Dende a República Checa chegan, por medio da palabra, as poesías máis populares, acompañadas dun pequeno obradoiro. Esta actividade, que se celebrará na aula de xogo, non ten límite de prazas.

A seguinte proposta chegará o venres 23 de marzo ás 17:15 horas. Será un Obradoiro de creación poética de vangarda, para nenos e nenas de 7 anos en diante. Usando materiais do máis diverso, a palabra e a imaxinación converteranos en poetas e poetisas da vangarda galega actual. As prazas dispoñibles son 12.

O Centro tamén organizou unha saída ao Teatro Principal para ver a premiada obra Euria (Choiva], dirixida a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. A sesión será o sábado 24 ás 18:30 horas. Os/as interesados/as deben inscribirse no propio CSC de Santa Marta.

As actividades continúan o martes 27 de marzo, ás 18:30 horas, cunha sesión de xogos teatrais para nenos e nenas entre 4 e 12 anos. A expresión corporal, a dramatización e a música converteranse en ferramentas máxicas para tirar a vergoña e converterse en artistas. Será na aula de xogo. Sen límite de prazas.

O teatro dá paso á poesía o día seguinte, mércores 28 de marzo. Ás 20:00 horas celebrarase un recital poético aberto para público adulto. Calquera poderá traer os seus poemas máis selectos e compartilos. Poderán recitarse ata tres poemas por persoa e, ao final, haberá rolda de micro aberto.

Representación do Club de Teatro Infantil
Este calendario especial pecharase o mércores 4 de abril cunha representación do Club de Teatro Infantil do CSC de Santa Marta. Ás 18:30 horas porá en escena a obra Que cante! que pasou en Santa Marta?, unha homenaxe á literatura de cordel a través dunha historia creada no propio centro sobre as aventuras e desventuras do persoal do CSC.

Compartir: