ALCALDÍA

O alcalde recibe os traballadores e traballadoras de Urxencias do CHUS

20/03/2018 O alcalde recibiu esta mañá a representantes dos traballadores e traballadoras do servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago, que veñen denunciando as malas condicións neste departamento, que repercuten na atención aos doentes. Martiño Noriega quixo facer un chamamento público a que "se adopten medidas para que se mude a situación, que lle está a afectar a un servizo especialmente sensible".

Na reunión co alcalde participaron representantes de médicos, enfermeiros, celadores e persoal auxiliar. Martiño Noriega incidiu en que "o servizo de Urxencias é unha das principais portas de entrada do sistema sanitario público, e é necesario que teña unhas condicións dignas tanto no que ten que ver coa dotación de persoal como de material".

Os/as representantes do persoal de Urxencias explicaron que seguen mantendo conversas coa xerencia do CHUS para que se melloren as condicións do servizo, e salientaron que estas xuntanzas con cargos públicos pretenden "dar a coñecer cal é a situación, para que os usuarios e usuarias saiban que os traballadores e traballadoras non son os culpables da deficiente atención que en ocasións reciben".

Compartir: