ESPAZOS CIDADÁNS

Inícianse as reunións focais para a elaboración do Plan de Xestión da Cidade Histórica de Santiago

20/03/2018 Este martes comeza unha nova fase do proceso de participación vinculado á elaboración do Plan de Xestión da Cidade Histórica. Será coa reunión do grupo focal "Habitar a cidade histórica", á que lle seguirá, mañá, a xuntanza de Turismo. Da celebración destes encontros deron conta o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, e o codirector do Plan de Xestión, Juan Requejo.

Para as próximas semanas están previstas cinco xuntanzas doutros tantos grupos focais. Despois dos relacionados coas temáticas de "Habitar a cidade histórica" e Turismo, nos días 9, 10 e 11 de abril celebraranse outras reunións centradas en Actividades económicas urbanas non turísticas, Cultura e Innovación e coñecemento. Tamén haberá unha reunión sobre o que Juan Requejo denomina "o soporte vital da cidade, e que ten que ver coa auga, a enerxía, ou a xestión de residuos".

Esta fase de participación en torno ao Plan de Xestión pecharase cun grande acto público para a posta en común das conclusións que xurdan tanto dos grupos focais, como das preto de 50 reunións que se veñen mantendo nos últimos meses con diferentes axentes da cidade, como grupos políticos, sindicatos, sector empresarial, Igrexa, Universidade ou asociacións veciñais. A estimación do concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, e que todo o proceso estea culminado "para presentar a primeira achega do Plan de Xestión en maio, ao mesmo tempo que sairá a exposición pública o documento modificado do Plan Especial da Cidade Histórica".

Planificación estratéxica
Jorge Duarte explicou que o Plan de Xestión será "a planificación estratéxica do que queremos que sexa a cidade histórica, pero tendo en conta cal debe ser a súa relación co resto de Santiago". Nesa liña, incidiu na importancia de que "a elaboración deste documento vaia acompasada da modificación do Plan Especial da Cidade Histórica, que é un instrumento moi válido, que funcionou moi ben no aspecto máis urbanístico e que agora precisa ser actualizado".

O codirector do Plan de Xestión explicou que "este documento non ten os límites do Plan Especial nin da declaración de Patrimonio Mundial da Humanidade, senón que vai moito máis alá dos límites da zona vella". De aí que na súa elaboración, segundo apuntou Juan Requejo, se teñan en conta outras zonas como os campus universitarios ou o contorno dos ríos Sar e Sarela.

Os grandes retos
Requejo reiterou que Santiago "enfróntase a problemas que non son locais, senón mundiais, e un dos máis graves é a proliferación de pisos turísticos que, a medio prazo, fan que a alma das cidades desapareza". Ao respecto citou os casos de San Francisco, de Berlín ou de Barcelona, "que pasou de ter unha Rambla que era punto de encontro da veciñanza a ter unha Rambla na que non viven os barceloneses". Ademais, Requejo referiuse a outros grandes retos, como "a necesidade de reacoplar a cidade histórica co seu metabolismo territorial; de propiciar o desenvolvemento das funcións vitais da cidade como a de residencia, actividade económica ou as relacións entre persoas; ou a de optimizar a relación de Santiago co exterior".

O valor da marca e o capital natural
O codirector do Plan de Xestión insistiu en que "Compostela é unha marca de gran valor en todo o Planeta, e é preciso xestionar ese potencial para que non acabe sendo prexudicial para a propia cidade".

Xunto coa importancia da marca Santiago, nas bases do Plan de Xestión incídese na urxencia de poñer en valor "o gran capital natural de Santiago, que son a auga e o clima". Para Requejo, "o verde é o terceiro gran compoñente que identifica Compostela, xunto coa pedra e coa madeira". Iso xustifica que o documento lle vaia prestar especial atención ás relacións da cidade co contorno do Sar e do Sarela, na liña de traballo que se ven impulsando dende o Goberno local nos últimos anos.

Compartir: