ALCALDÍA

O alcalde confía en que Tussa xestione os servizos da ORA e do guindastre no prazo dun mes

16/03/2018 Tussa asumirá a xestión da ORA e do guindastre no prazo dun mes, segundo a folla de ruta prevista polo Goberno despois de que o Pleno da Corporación aprobara onte a municipalización dos servizos. O alcalde, Martiño Noriega, advertiu hoxe que "os primeiros meses serán de transición, e as novidades que perciba a cidadanía implantaranse cando a situación estea consolidada".

O próximo luns celebrarase unha xuntanza de traballo para avanzar na transición "que podería precisar un prazo dun mes, co obxectivo de que se efectúe con total normalidade e sen sobresaltos". O alcalde explicou que as xuntanzas cos traballadores da ORA e do guindastre "véñense mantendo xa nas últimas semanas, para garantir que, se se aprobaba a municipalización, como así foi, tiveramos xa camiño andado para a asunción dos servizos".

Martiño Noriega recoñeceu que "serán precisos uns meses para consolidar a xestión directa, e previsiblemente á volta do verán poderíanse implementar novidades no servizo". Entre elas, o rexedor referiuse a "posibles melloras tecnolóxicas, discriminacións nos pagos ou reorganización de zonas verdes". Reiterou, ademais, que "a medio prazo non haberá novas zonas azuis na cidade, a non ser que sexa unha demanda da propia veciñanza dun barrio determinado".

Compartir: