XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a ficha para incorporar na EDUSI o acondicionamento do Castelo da Rocha Forte

16/03/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe solicitar a inclusión do proxecto de acondicionamento interior do Castelo da Rocha na EDUSI, inclusión que deberá tramitar o Ministerio de Facenda. A actuación prevista está orzada en case 100.000 euros, dos que preto de 80.000 procederían de fondos europeos FEDER.

O proxecto de acondicionamento interior do Castelo da Rocha é a primeira actuación dun programa máis ambicioso que inclúe o acondicionamento dos espazos exteriores da fortaleza e a súa conexión co núcleo da Rocha Vella, cos tramos inmediatos do río Sar e co Camiño Portugués. O obxectivo é poñer en valor os restos arqueolóxicos, mellorando as condicións de seguridade e accesibilidade dos visitantes. Ademais, prevese acometer actuacións que reduzan o forte impacto visual e acústico da liña ferroviaria próxima, e que corrixan escorrentías naturais do xacemento.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que, coa do Castelo da Rocha, "xa están aprobadas polo Ministerio todas as fichas da EDUSI enviadas nas últimas semanas". Tamén apuntou que a entrada en vigor da nova Lei de Contratos facilitará a tramitación, porque "permite iniciar a licitación das actuacións mesmo antes de recibir a aprobación do Ministerio para a incorporación á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado".

Expedientes a empresas
Na Xunta de Goberno de hoxe, e a proposta do concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, tamén se iniciaron expedientes a varias empresas por atrasos ou mala execución dos traballos que lle foran contratados. Así, iniciouse expediente á empresa Rafer pola execución defectuosa dos traballos de repavimentación da rúa Pedreira e anexos, e á empresa Construcciones Taboada y Ramos por defectos nas obras de reparación da rúa Escarabuña e anexos. Por último, iniciouse un expediente por incumprimento de contrato á empresa Cerne, que non finalizou aínda as obras de repavimentación en varias parroquias transcorrido máis do dobre do prazo previsto no contrato.

Outros acordos
A proposta da concelleira delegada de Mocidade, na reunión de hoxe aprobouse a programación das actividades resultantes dos Orzamentos Participativos, á que se destinarán 100.000 euros. Ademais, recibiu luz verde a memoria da XVIII Campaña de Animación á Lectura e a programación do I Festival de Poesía "Alguén que respira respira - Poesía para o corpo".

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: