ACCIÓN CULTURAL

A terceira edición do ciclo "De lugares e órganos" arrinca este venres cunha ducia de actividades

15/03/2018 Do 16 de marzo ao 1 de abril, a terceira edición do ciclo De lugares e órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela ofrecerá a residentes e visitantes da cidade unha nova oportunidade de descubrir o patrimonio organístico de Santiago. Concertos, itinerarios, conferencias, conversas e obradoiros que afondan no imaxinario sonoro da cidade e que nos permiten visitar e coñecer a riqueza instrumental coa que conta Compostela.

Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e a directora artística do ciclo, Belén Bermejo. De lugares e órganos é unha iniciativa da Concellaría de Acción Cultural que, na súa terceira edición, conta co apoio do Consorcio da cidade e da Deputación da Coruña, amais da colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Catedral de Santiago, o Salón Bandín, Vide Vide Espazo Enocultural e Numax.

A partir da segunda quincena de marzo, e coincidindo coa celebración da Semana Santa en Compostela, o ciclo ofrece numerosas actividades co órgano como elemento central.

Un amplo calendario de concertos
A Real Filharmonía de Galicia abre o programa de concertos o xoves 22 cun recital dirixido polo mestre e organista británico David Hill no Auditorio de Galicia. Neste concerto inaugural poderemos escoitar composicións para órgano e orquestra de G. F. Händel , Haydn e Mozart, amais do popular Adagio de Albinoni, para corda e órgano.

O sábado, día 24 de marzo, a igrexa da Universidade acollerá outro dos concertos do ciclo. A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela explorará entón as posibilidades acústicas deste espazo nun programa con pezas para órgano e conxunto de corda de Vivaldi, Händel e Ferdinando Richardson, que alternarán con versións arranxadas para conxunto de vento de Biber e Bach e outras obras de carácter orquestral. Mario Diz asumirá a batuta neste recital que contará coa interpretación ao órgano e á clave da instrumentista galega Erea Blanco Balvís.

Xa o luns, 26 de marzo, Andrés Cea Galán, un dos máis destacados intérpretes de música para órgano e instrumentos de tecla antigos da escena europea e mundial, encherá de son a igrexa de Santa Clara. Cea interpretará un programa integramente composto por obras do burgalés Antonio de Cabezón, quen fora integrante da capela musical de Isabel de Portugal, do Emperador Carlos I ou de Felipe II. Con anterioridade ao concerto, o público asistente poderá conversar co intérprete sobre diferentes aspectos da conservación e restauración dos órganos, ademais doutras cuestión musicais que axudarán a se mergullar no repertorio que escoitarán a seguir.

A música para órgano volverá á igrexa da Universidade o venres 30 de marzo, co programa O conto da medianoite, do tenor, actor e musicólogo italiano, Marco Beasley. Un evocador espectáculo que combina a narración de contos coa interpretación de músicas medievais e renacentistas, e cancións tradicionais napolitanas, sardas e corsas, coidadosamente seleccionadas para crear a apropiada atmosfera narrativa que acompañará o relato. A voz de Beasley soará canda o órgano da igrexa da Universidade, interpretado, a xeito de interludio para unha coral de palabras e historias, polo organista de orixe italo-brasileira, Marco Aurélio Brescia.

No mesmo espazo, o compositor Javier María López ofreceranos o sábado 31 de marzo un espectáculo ben singular. O programa Dic Nobis spiritus inclúe unha secuencia de obras inspiradas no texto Victimae paschali laudes de Wipo de Borgoña, arredor da arela da transcender á morte. Pezas intemporais de autores como Antonio de Cabezón, Josquin des Prez ou William Byrd, que convivirán coa obra interactiva A verba, creada expresamente para o ciclo por Javier María López. David Maceira sentará ao órgano e Andrés Díaz Pazos farase cargo de frautas e arranxos.

A Austrian Baroque Company pechará o calendario de concertos o domingo, día 1 de abril, na igrexa de San Paio de Antealtares. Esta formación de cámara austríaca, especializada na interpretación de música instrumental e vocal europea dos séculos XVI a XVIII, presentará o programa A suave melodía, un recital inspirado na peza homónima do napolitano Andrea Falconiero, que serve de pretexto ao conxunto para nos achegar á música barroca mediterránea. Con Michael Oman ás frautas de bico, Wolfgang Heiler, ao fagot barroco, Daniel Oman, á guitarra barroca e Martina Schobersberger, ao órgano e clave.

Rutas polo legado patrimonial e a memoria silente do órgano en Compostela
O sábado, día 17 de marzo, emprenderemos un novo itinerario para coñecer a riqueza organística de Compostela, coa visita aos órganos de Belvís, San Paio de Antealtares e da igrexa da Universidade. Catro instrumentos que amosan as habilidades de tres das principais familias organeiras que traballaron no territorio, e posibilitan un achegamento completo á arte de construír e compoñer órganos na nosa cidade. O paseo parte ás 16:00 horas do convento das dominicas, en Belvís, sede de dous valiosos instrumentos creados por Mariano Tafall e Benito González de Seixas, respectivamente. Prosegue na igrexa de San Paio para admirar o órgano creado por Alberto de la Peña, e remata na igrexa da Universidade, para contemplar e escoitar o marabilloso instrumento creado por Manuel Sanz. O percorrido, de participación limitada a 50 persoas, terá como relator a Andrés Díaz Pazos e contará con Erea Blanco Balvís como organista.

O martes 27 de marzo, o ciclo programa unha visita ao mosteiro de San Domingos de Bonaval, á igrexa de Santo Agostiño e diversos espazos da Catedral, para achegármonos ao patrimonio organístico perdido da cidade. A ruta percorre igrexas e capelas con presenza documentada de órganos que desapareceron por circunstancias diversas, e que hoxe conforman a paisaxe silente do órgano en Compostela.

O paseo partirá ás 16:00 horas da igrexa de San Domingos de Bonaval. Andrés Díaz Pazos será o relator que conduza esta actividade igualmente limitada a 50 persoas e que contará con Andrés Cea como espinetista.

Obradoiros e conversas
A terceira edición do ciclo acode de novo ao encontro coa cidadanía a través das sesións "O órgano sae á rúa", unha serie coloquios en establecementos comerciais da cidade, nas que músicos, conferenciantes e asistentes conversarán arredor deste instrumento. Aquelas persoas interesadas en afondar nos contidos da programación, coñecer de preto ás e aos artistas, ou catar un pouco daquilo que poderán ver e escoitar durante o certame, poderán achegarse ao espazo enocultural Vide Vide! o venres 16 de marzo, ao Salón Bandín o martes día 20 , ou á libraría Numax o xoves 29. Estas citas son sempre ás 20:00 horas e a participación nelas é libre até completar aforo, sen necesidade de retirar entradas.

O programa de 2018 inclúe tamén un obradoiro de organería infantil que se impartirá o mércores 28 de marzo, ás 11:30 horas na igrexa da Universidade. Dirixida a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, esta actividade pretende, dunha maneira amena e didáctica, aprenderlles que é un órgano e como funciona, a terminoloxía básica asociada ao instrumento, así como axudalos a familiarizarse co seu son. Ao longo da mañá haberá xogos, contos e música, conducidos pola narradora e presentadora Charo Pita.

A participación no obradoiro está limitada a 15 persoas. No momento da retirada das invitacións para nenas e nenos, solicitarase o nome de quen participa así como un teléfono de contacto da persoa adulta ao cargo.

Entradas de balde
As entradas para as actividades e concertos son de balde, previa retirada de invitación a partir do 15 de marzo, no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado (mais días do evento) de 18:00 a 21:00 h. De non esgotarse, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar de celebración da mesma dende 1 hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas até 10 minutos antes do inicio de cada sesión. A partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.

Direccións relacionadas



Compartir: