LINGUA

Mañá remata a inscrición nos premios Youtubeir@s

14/03/2018 Mañá xoves, 15 de marzo, remata o prazo de inscrición para participar nos premios Youtubeir@s, que procuran a promoción do uso do galego en YouTube. Trátase dunha iniciativa impulsada polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, entre eles Santiago, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña.

Os premios Youtubeir@s divídense en cinco categorías: video-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. A estes cinco apartados poden concorrer todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a YouTube de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios. As bases ao completo pódense consultar na web www.youtubeiras.gal.

Gala Youtubeir@s
A gala de entrega dos premios Youtubeir@s celebrarase o vindeiro 20 de abril no Teatro Colón da Coruña, e será presentada pola compañía teatral A Panadaría. Así, de conducir o evento encargaranse as actrices Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. O público poderá acceder de forma gratuíta á gala, tras reservar previamente as súas entradas a través desta ligazón da web do Teatro Colón.

Os premios Youtubeir@s están organizados polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove; as Universidades de Coruña, Santiago e Vigo; e da Deputación da Coruña.

Direcciones relacionadas



Compartir: