EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Preto de 500 escolares participan no 8º Ciclo de Sesións Didácticas da Escola Municipal de Música

13/03/2018 A pasada semana comezou o 8º Ciclo de Sesións Didácticas que a Escola Municipal de Música (EMM) de Santiago realiza nos centros de ensino de educación infantil e primaria de Compostela. Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM é o título deste programa, que se desenvolverá ao longo dos meses de marzo e abril e no que está prevista a participación de máis de 500 escolares.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, acudiu este martes á sesión celebrada no CEIP Ramón Cabanillas. Alí, os profesores Francisco García, guitarra eléctrica, e Antonio Ocampo, percusión, falaron dos seus instrumentos facendo un percorrido pola súa orixe e evolución. Describiron as calidades dos mesmos ao tempo que interpretaron diversas pezas a modo de explicación.

En cada xornada do ciclo, dous profesores da EMM percorren os centros educativos da cidade. A parella de profesionais agrúpase por instrumentos, describindo as súas características e posibilidades melódicas e explicando as diferentes formas musicais de interpretación. Durante a sesión de 50 minutos fanse tamén xogos arredor dos instrumentos e explícase a orixe e a evolución dos mesmos.

Estas sesións didácticas teñen como obxectivo promover o achegamento da música aos máis pequenos na rede de centros educativos de Compostela. O ciclo está destinado ao alumnado de 1º e 2º de educación primaria.

A Escola Municipal de Música
A Escola Municipal de Música, como centro público dedicado ao ensino musical, ten como obxectivo fomentar dende a infancia o coñecemento e a apreciación da música, iniciando os nenos e nenas dende as idades máis temperás na súa aprendizaxe. A matrícula total da EMM neste curso escolar 2017-2018 é de 407 alumnos/as.

O equipo docente da EMM está formado por 20 profesores e profesoras que imparten as especialidades instrumentais de: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, guitarra, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, frauta, clarinete, gaita, percusión, piano, saxofón, trompeta, acordeón, trombón, bombardino, trompa, arpa, percusión tradicional e acordeón tradicional.

Compartir: