ALCALDÍA E TURISMO

Máis de 20 locais de Compostela participarán na Festa das Uñas

12/03/2018 A sede da Asociación Hostalería Compostela acolleu por primeira vez a presentación da Festa Gastronómica das Uñas de San Lázaro, unha das máis antigas de Galicia, que se celebrará do venres 16 ao luns 19 de marzo. No acto participaron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Turismo, Marta Lois, e a presidenta da Asociación, Sara Santos. As persoas asistentes ao acto puideron degustar este tradicional prato, preparado por catro estudantes do CIFP Compostela.

As uñas de San Lázaro, que adoitan acompañarse de bertóns, patacas e chourizo, poderán tomarse en 22 locais participantes, moitos deles situados neste barrio, pero tamén en restaurantes ubicados noutras zonas da cidade.

Tradicionalmente, Turismo de Santiago xa incluía esta festividade nas súas ferramentas de promoción. Esta difusión intensificouse a partires do 2014, cando comezou unha colaboración coa Asociación Hostalería Compostela co obxectivo de poñer en valor a súa tradición e singularidade e ampliar a participación de locais na mesma.

Todas as persoas que acudan aos locais participantes a tomar un prato de uñas recibirán un boleto para poder entrar no sorteo dunha cea degustación e unha noite para dúas persoas con almorzo incluído no Hotel Ecorural Nós, en Riocalvo, no Concello de Silleda.
A persoa gañadora será aquela que teña o número que coincida coas catro últimas cifras do sorteo da Lotería Nacional do día 22 de marzo de 2018. Poderá recollelo nas oficinas da Asociación Hostalería Compostela (rúa Salvadas, 29) nos 30 días seguintes.

A Festa das Uñas de San Lázaro ten lugar cada ano no Quinto Domingo de Cuaresma, tamén chamado "Domingo de Lázaro", antesala de Semana Santa co Domingo de Ramos. Ademais de eventos musicais inclúe diversos oficios relixiosos para honrar a San Lázaro e unha tradicional romaría o luns 19 na que se celebra unha popular poxa tradicional de uñas e outras pezas do porco ofrecidas ao santo ás 11:30 horas.

Os locais participantes son: A Casa da Viña, Doña Ana, El Obelisco, La Bodeguilla de San Lázaro, Mesón As Fontiñas, Mesón de Lázaro, O Muiñeiro, Pedra Santa, Periquillo, Susos Restaurante, A Nave de Vidán, A Grella, Don Quijote, Los Caracoles, O Bo Xantar, San Paio Taberna da Feira, Ultreia e Ruta Jacobea.

Toda a información dos locais participantes e os seus menús pode consultarse na páxina www.semanasantasantiago.gal.

Compartir: