EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Os institutos de Santiago traballarán sobre o Banquete de Conxo durante os meses de marzo e abril

12/03/2018 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta esta mañá dunha nova programación didáctica elaborada dentro da colección Coñecer Santiago, cidade educadora, que elabora este Departamento municipal.

A programación leva por nome O Banquete de Conxo de 1856. A confraternización como símbolo e é resultado do traballo de Alfonso Iglesias, profesor de Historia da Universidade do Porto e membro do grupo Hispona da Universidade de Santiago. Manuel Dios destacou que se trata da "terceira unidade elaborada, tras Brundibar e O soño roto" e avanzou que "se levarán a cabo algunhas máis sobre María Miramontes ou Maruja Mallo".

O Concello editou 1.500 exemplares que distribuíu por todos os institutos de Compostela. Grazas a esta programación didáctica, centos de estudantes de Bacharelato traballarán, durante os meses de marzo e abril, en torno a un acontecemento histórico "moi importante na historia de Santiago", mais tamén "moi descoñecido para moitos e moitas", tal e como destacou Alfonso Iglesias, quen engadiu que "é un valor noso que cómpre estender por Galicia". Por iso o autor quixo agradecer a iniciativa transversal do Concello, "moi valiosa para recuperar este evento".

Roteiros
A programación didáctica incorpora dous roteiros para "visitar espazos onde viviron os protagonistas do banquete", segundo indicou Manuel Dios, ao mesmo tempo que incorpora outro máis longo polo propio barrio. A unidade didáctica fai un percorrido pola historia ou a política da Compostela de mediados de século XIX. Tamén incorpora imaxes da época e fragmentos dos brindes que se levaron a cabo durante a celebración do Banquete.

Compartir: