ESPAZOS CIDADÁNS

Santiago participa na Asemblea Xeral do proxecto Smarter Together

09/03/2018 O proxecto Smarter Together, do que forma parte Santiago como cidade seguidora, celebrou esta semana en Viena a súa Asemblea Xeral. Na reunión participou o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte.

A Asemblea Xeral serviu para analizar o funcionamento do Smarter Together, dous anos despois da súa implementación. Na súa intervención na xuntanza, Jorge Duarte salientou a oportunidade que supón o grupo "para coñecer proxectos desenvolvidos noutras cidades, que agora queremos introducir en Compostela". Entre eles, o concelleiro salientou a chamada "calefacción de barrio", un proxecto que "se poderá introducir en Pontepedriña para acompañar as actuacións de rehabilitación enerxética e mellora da accesibilidade nos edificios da ARI". O edil tamén valorou moi positivamente "a aprendizaxe obtida das cidades faro, e que poderemos utilizar en retos que ten Santiago como a xestión de servizos innovadores en áreas con importantes restricións por motivos patrimoniais".

Smarter Together
O proxecto Europeo Smarter Together ten como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades a través das tecnoloxías intelixentes. As áreas de traballo nas que se está a desenvolver a estratexia son: plataforma integrada de datos, participación e compromiso cidadán, rehabilitación enerxética en edificios, mobilidade sostible, e "district heating" e enerxías renovable.

Compostela é socia do Smarter Together como cidade "seguidora", xunto con Venecia e Sofía. O proxecto está liderado polas chamadas "cidades faro": Lyon, Munich e Viena, que será onde se poñan en marcha ao longo de cinco anos as accións financiadas con 29 millóns de euros de fondos europeos do programa Horizon 20120.

Compartir: