ACCIÓN CULTURAL

Los Pilotos, Aries, Presumido e BFlecha, protagonistas da segunda edición do ciclo musical Compostela Conversa

09/03/2018 Compostela Conversa, o ciclo que nos descubre os vínculos de unión que se agochan tras algunhas das propostas artísticas máis interesantes do momento, anuncia a súa segunda edición con catro protagonistas moi especiais: Los Pilotos, a banda de Banin e Floren (Los Planetas), en pleno lanzamento do seu último disco; Aries, alter ego de Isabel Fernández, que volverá a redescubrirnos os sons curativos de Adieu or die; BFlecha, a produtora e DJ galega que experimenta con novos sons a través do 'synth', o R&B, o pop o o 'trap' e Presumido, unha das bandas revelación do 2017 coa súa redefinición do synth pop que se atreve con todo.

Grazas a Compostela Conversa, estes catro artistas descubrirán a través das súas actuacións en directo e nun diálogo aberto co público aqueles fíos invisibles que os manteñen unidos e conectan as súas propostas artísticas. Así o presentaron en rolda de prensa este venres a concelleira de Acción Cultural de Compostela, Branca Novoneyra, e a directora artística do ciclo, Cristina V. Miranda.

A primeira cita será con Aries e Los Pilotos o próximo 17 de marzo, ás 19:30 horas, no Auditorio de Galicia. Con Isa, Banin e Florent falaremos, entre outras cousas, de creación musical: autocoñecemento, recoñecemento e necesidade de novos espazos; DIY vs. industria; entorno urbano vs. entorno rural; ou centro e periferia e a importancia da imaxe como contadora de historias. O turno de BFlecha e Presumido, dúas das propostas de electrónica máis excitantes do momento en Galicia, será o 13 de abril no Teatro Principal. Con eles falaremos de electrónica do pasado, do presente e do futuro, o sintético vs. o natural, hedonismo vs. introspección, morte vs. resurrección. Synthpop 2.0 vs. Trap. Ambas conversas estarán moderadas por Cristina V Miranda, directora artística do ciclo.

As entradas para cada encontro terán un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado, + días de evento, de 18:00 a 21:00 h), no 981 910 522, en entradas.abanca.com e tamén no despacho de billetes do Auditorio de Galicia no caso do concerto do día 17, dende as 18:00 h.

Amodo na Lasso, cafetería do Auditorio
O primeiro dos concertos e conversa, o do sábado 17 con Los Pilotos e Aries, enmárcase dentro do Amodo un novo ciclo que pon en marcha Lasso, a cafetería do Auditorio de Galicia. Será un ciclo trimestral que ten por obxectivo pasar un día tranquilo e con calma, de aí o nome, no Auditorio de Galicia, gozando de diferentes actividades. De 11:00 a 23:00 horas teremos visitas guiadas para nenos e nenas e público adulto á exposición, talleres na mesma, sesión vermú con Nani Vinilo DJ, proposta gastronómica especial, conversa e música.

Documentos relacionados



Compartir: