XUNTA DE GOBERNO

O Concello reformará a praza da Constitución

09/03/2018 A Xunta de Goberno aprobou este venres o proxecto de execución da reforma da praza de Constitución, ao que se van destinar case 350.000 euros. A actuación ten o obxectivo de xerar espazos que poidan ser utilizados polos diferentes usuarios, mellorando a convivencia neste punto da cidade. O alcalde lembrou que o proxecto responde a un acordo aprobado no Pleno por unanimidade de toda a Corporación.

Martiño Noriega lembrou que "a reforma da praza da Constitución é unha vella demanda, que ten que ver coa necesidade de compatibilizar os seus diferentes usos". A praza da Constitución conta cunha área para a práctica de skate "que está xa moi deteriorada", unha zona de xogos infantís, e unha praza a modo de miradoiro "con moi pouco uso". As tres zonas serán redeseñadas, ao tempo que se mellorará a accesibilidade da praza e se renovará o seu mobiliario urbano. A actuación conta cun orzamento de case 350.000 euros e ten un prazo de execución de catro meses.

"Aposta por ti, aposta polo teu barrio"
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a ficha dun novo proxecto de cara á súa incorporación na EDUSI, se así o estima o Ministerio de Facenda. Trátase da operación "Aposta por ti, aposta polo teu barrio", impulsada pola Concellaría de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo co obxectivo de fomentar mercados laborais inclusivos e promover a rexeneración económica e social dos barrios de Compostela.

O proxecto ten un orzamento de case 465.000 euros, dos que algo máis de 370.000 euros procederían de fondos europeos FEDER.

Outros acordos
Na reunión de hoxe tamén se aprobou o proxecto de Regulamento do Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade, un órgano de participación cidadá para a consulta, asesoramento e seguimento das accións en materia de cooperación para o desenvolvemento, educación para a cidadanía e acción humanitaria do Concello. Nel estarán representados os grupos da Corporación, as asociacións veciñais, as ONGs para o desenvolvemento radicadas en Santiago, o Consello Económico e Social, o Foro Cívico, o Fondo Galego de Solidariedade e o Foro Galego de Inmigración, entre outras entidades e administracións.

Por último, a Xunta de Goberno adxudicou hoxe o contrato para o subministro de prendas de uniformidade para a Policía Local, ás que se destinarán en total máis de 82.000 euros.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: