DEREITO Á VIVENDA

Santiago e outras seis grandes cidades reiteran o seu rexeitamento ao Plan Estatal de Vivenda

07/03/2018 Santiago e outras sete grandes cidades do Estado reiteraron hoxe a súa oposición ao Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, que o Goberno español prevé aprobar o próximo venres. Compostela, Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña e Cádiz entenden que o Plan carece do orzamento necesario e lamentan que non priorice o fomento do alugueiro e as políticas de rehabilitación.

As sete cidades formularan as súas alegacións ao Plan Estatal de Vivenda nunha reunión celebrada en decembro co secretario de Estado de Infraestruturas, Transportes e Vivendas, Julio Gómez-Pomar. Nesa xuntanza, Santiago estivo representado polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, quen lamenta que "o Goberno do Estado siga reducindo o gasto público en políticas de vivenda, cun plan para o que se contemplan 467 millóns de euros de orzamento para este ano, fronte aos 1.500 millóns orzados en 2009". A reclamación das sete cidades era que o orzamento para 2018 fora de 2.000 millóns de euros.

Aposta polo alugueiro e a rehabilitación
Santiago, Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña e Cádiz tamén botan en falta unha maior aposta polas axudas ao alugueiro, porque "non podemos volver caer no erro de subvencionar a compra de vivendas, como se fixo durante o boom inmobiliario previo á crise económica", afirmou Duarte. Ao tempo, as sete cidades reclamaban un incremento das partidas destinadas ás axudas de rehabilitación, fundamentalmente nos ámbitos das Áreas de Rehabilitación Integral e vinculadas a cuestións como a mellora da eficiencia enerxética ou a instalación de ascensores.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade reitera que "sería necesario que estas axudas se dirixan prioritariamente ás persoas con menos recursos, para non correr o risco de que accedan a elas grandes promotoras que rehabilitan inmobles, incrementan o seu valor e impiden que os residentes habituais de determinados ámbitos poidan pagar os novos prezos". Iso, lembra Jorge Duarte, "aconteceu na zona histórica de Compostela, e debéranse buscar fórmulas para que non siga acontecendo".

Compartir: