CONVIVENCIA

A actividade da agrupación de Protección Civil en Santiago medra por terceiro ano consecutivo

07/03/2018 A agrupación de Protección Civil en Santiago realizou o ano pasado 660 saídas, a cifra máis alta dos últimos exercicios. De feito, 2017 foi o terceiro ano consecutivo de incremento na actividade da agrupación de voluntarios e voluntarias, segundo o balance presentado hoxe. Foron, en total, case 2.400 horas de traballo da agrupación.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e a xefa da agrupación de Protección Civil, Begoña del Río, presentaron hoxe a memoria de actividades de 2017. O edil mostrou o seu agradecemento aos voluntarios e voluntarias "que poñen o seu tempo libre ao servizo dos demais, e que realizan un labor fundamental para o bo funcionamento da cidade e para a tranquilidade dos peregrinos e peregrinas no Camiño de Santiago".

O ano pasado, os voluntarios participaron nun total de 660 operativos, oito máis que en 2016, e 61 máis que en 2015. En 2014, foran 314 saídas, e en 2013, 294. Este incremento. En total, os operativos nos que participou Protección Civil suman 2.380 horas de traballo do conxunto da agrupación.

A atención aos Camiños de Santiago segue centrando boa parte da actividade dos voluntarios e voluntarias, con 255 intervencións. Tal e como explicou Begoña del Río, "Protección Civil percorre a diario as rutas xacobeas, para asegurar que están transitables e para atender ás diferentes necesidades dos camiñantes". No balance presentado hoxe, tamén ten relevancia a atención a eventos con concentración de persoas, con 183 saídas. O ano pasado contabilizáronse tamén 64 accións no medio natural, e 158 intervencións varias.

Por meses, o de maior actividade para a agrupación de Protección Civil foi agosto, con 89 intervencións. Delas, 54 corresponderon a labores de apoio nos Camiños de Santiago. Séguenlle novembro, con 77 saídas, e xullo e decembro, con 68 en cada caso. Pola contra, xaneiro e marzo foron os meses con menos intervencións da agrupación de voluntarios e voluntarias, con 28 e 30 respectivamente.

Segundo a memoria de actividades presentada hoxe, Protección Civil recibiu 2.003 chamadas do 112 o ano pasado, cun lixeiro incremento con respecto a 2016, cando se rexistraran 1.996 chamadas. A maioría, 691 estiveron relacionadas con accidentes, e 361 con intervencións con animais.

A agrupación compostelá de Protección Civil está composta por 45 voluntarios e
voluntarias, cunha media de idade de 25 anos.

Documentos relacionados



Compartir: