ESPAZOS CIDADÁNS

Aprobadas as bases da convocatoria de subvencións estatais e autonómicas para as ARIS

06/03/2018 O Goberno local vén de aprobar as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas das ARIS da Cidade Histórica, Pontepedriña, Vista Alegre e Vite. Trátase das axudas vinculadas ao Plan Estatal de Vivenda, que se achegan a 1,7 millóns de euros.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta hoxe da aprobación, nunha Xunta de Goberno Extraordinaria celebrada onte, das bases da convocatoria de subvencións. Jorge Duarte explicou que o obxectivo é "regular o procedemento de concesión destas axudas, despois da sinatura do correspondente acordo entre o Ministerio de Fomento, a Xunta e o Concello". En total, vanse repartir 1.654.524,36 euros, "unha cantidade que dende o Goberno local consideramos insuficiente para atender as necesidades das Áreas de Rehabilitación Integral de Santiago, e que queda lonxe dos 2,5 millóns de euros que tiñamos solicitado".

Vista Alegre e Cidade Histórica
A Área da Rehabilitación Integral á que se destinará a maior partida é a de Vista Alegre, con 630.000 euros. Jorge Duarte explicou que "os estudos de detalle deste barrio están aprobados dende hai anos, polo que todos os procesos están máis adiantados e será máis fácil executar as actuacións en tempo e forma".

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade apuntou que no caso da cidade histórica, o crédito orzamentario asignado á convocatoria é dalgo máis de 340.000 euros, "unha partida importante, que permitirá seguir avanzando no obxectivo de que os edificios da zona vella teñan as condicións necesarias para que neles queiran residir os veciños e veciñas".

Pontepedriña e Vite
A principal novidade da convocatoria será a inclusión das ARIs de Pontepedriña e Vite. No primeiro caso, Jorge Duarte lembrou que "a aprobación da Área de Rehabilitación Integral en 2008 non foi acompañada pola aprobación do estudo de detalle que na práctica permite a instalación de ascensores, e por iso ata o de agora a veciñanza non podía acceder ás subvencións estatais e autonómicas". Este trámite cumpriuse a finais do ano pasado, e agora a ARI de Pontepedriña ten adxudicadas axudas por un importe total de 360.000 euros.

No caso de Vite, despois da aprobación da ARI e dos estudos de detalle, a convocatoria prevé repartir axudas por un importe total de 324.000 euros.

Bases reguladoras
Os requisitos das persoas beneficiarias das axudas, as condicións dos edificios e as actuacións subvencionables están recollidos na Orde do 23 de xuño de 2017 da Xunta de Galicia, que regula a participación na prórroga do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan Estatal de Vivenda do Ministerio de Fomento. As bases aprobadas agora polo Goberno Local desenvolven esa orde.

No acceso ás axudas terán prioridade as actuacións xerais de accesibilidade e mellora da eficiencia enerxética, que deberán estar finalizadas a 31 de decembro de 2018. As axudas estatais poderán ser de ata o 35 por cento do proxecto, e as autonómicas de ata o 10%, e cun máximo de 14.000 euros por vivenda, sumando ambas subvencións. Para o procedemento de reparto das subvencións fíxase un sistema de concorrencia competitiva, no que se ordena a prelación da adxudicación das axudas en función da data de solicitude da correspondente licenza de obras por parte dos interesados. A encargada de tramitar as solicitudes será a Oficina de Rehabilitación e Vivenda.

Liña municipal complementaria
Jorge Duarte lembrou que as axudas estatais e autonómicas "están dirixidas ás comunidades de propietarios, sen introducir criterios de renda". Por este motivo, o Concello está ultimando unha convocatoria específica "de subvencións complementarias e dirixidas a persoas con ingresos reducidos, que poderían obter axudas de ata o 100% do total do gasto que teñan que afrontar, en función dos seus niveis de renda". Deste xeito, segundo explicou o concelleiro, "evitarase que algúns proxectos de instalación de ascensores queden paralizados porque un veciño ou veciña non pode facerlle fronte á parte que lle corresponde sufragar das obras".

Compartir: