CONSORCIO

A Real Filharmonía realizará esta semana unha xira cun programa dedicado a Haydn

05/03/2018 A Real Filharmonía de Galicia ofrece tres concertos esta semana. O primeiro terá lugar o mércores 7 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas, no marco da tempada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. O xoves, a orquestra tocará no Círculo das Artes de Lugo, ás 20:00 horas. E o venres, a cita será no Auditorio Municipal de Ferrol, ás 20:30 horas.

A batuta dos tres concertos levaraa James Dahlgren, violinista principal da RFG dende 2005. É ademais concertino honorario e violín primeiro da Orquestra Sinfónica do Porto, e profesor da Sun Valley Summer Symphony (Estados Unidos). Estudou no Conservatorio de San Francisco e, despois de traballar durante cinco anos coa Orquestra da Ópera de San Francisco, aceptou o posto de concertino na Orquestra Metropolitana de Lisboa e máis tarde o de concertino asociado na Orquesta Ciudad de Granada. Tras chegar a Europa, traballou tamén como concertino convidado da Filharmónica de Londres, da Filharmónica de Liverpool, da Orquestra do Ulster e da Sinfónica de Nova Zelandia, entre outras. É profesor na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago, e mantén unha axenda moi activa como solista e en formacións de música de cámara.

Paulo Gaio Lima ao violonchelo
A orquestra acompañará nestes concertos ao violonchelista portugués Paulo Gaio Lima. Natural de Porto, está considerado como un dos intérpretes portugueses máis recoñecidos internacionalmente. Estudou no Conservatorio de Música da súa cidade natal e posteriormente no Conservatorio Superior de París, onde viviu durante sete anos. Preséntase con regularidade en festivais de música en Portugal e no resto de Europa, e toca asiduamente con orquestras de Europa, América e Asia.

Colabora con diversos grupos de música contemporánea. Entre 1992 e 2000 foi violonchelista principal da Orquestra Metropolitana de Lisboa. Entre outras agrupacións, forma parte do Quarteto Verdi de París. A súa actividade pedagóxica divídese entre a Academia Nacional Superior de Orquestra de Lisboa e a Escola Superior de Música de Lisboa, á vez que imparte clases maxistrais en Portugal, España, Francia, Brasil, Austria e Estados Unidos.

Homenaxe a Franz Joseph Haydn
O programa centrarase na figura do compositor Franz Joseph Haydn (1732-1809). Os concertos comezarán coa Sinfonía nº 25. A continuación soará o Concerto para violonchelo nº 1, que será interpretado por Paulo Gaio Lima. A súa partitura críase perdida, ata que en 1961 apareceu no Museo Nacional de Praga, entre diversos documentos pertencentes ao Castelo Radenin, e nela esíxeselle un gran virtuosismo ao solista. O público terá ademais a oportunidade de gozar coa obra a Divertimento en Sol "Cassatio", tamén de Haydn.

Os adeuses
Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 45, coñecida coma "Os adeuses", que Haydn compuxo mentres era director de orquestra da corte da familia Esterházy, unha das máis adiñeiradas de Europa. Ao príncipe Nikolaus gustáballe pasar longas tempadas en Eszterháza, onde a familia tiña un palacete. A pesar de ser un lugar enorme, todas as persoas ao servizo do príncipe (músicos incluídos) debían ir sen compañía algunha.

Esta sinfonía é coñecida como "a sinfonía dos adeuses" porque boa parte da servidume e dos músicos estaban fartos de pasar tanto tempo no retiro involuntario e pedíronlle axuda a Haydn para que intercediera por eles ante o príncipe. A resposta do músico foi compoñer unha sinfonía que á súa vez servise de mensaxe e mostrase a inconformidade de todos. Nesta obra, no canto do afeito final súbito das sinfonías anteriores, a música continúa nun adagio ou movemento lento ata desaparecer aos poucos a modo de despedida. Na interpretación orixinal, os músicos apagaron un a un as respectivas velas dos seus atrís no último movemento da obra, levantáronse e fóronse.

Direccións relacionadas



Compartir: