IGUALDADE

Aberta a mostra "Espellos de pedra", que conta a historia de 18 mulleres a través da fotografía

05/03/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, visitou hoxe a exposición Espellos de pedra que se poderá visitar durante os meses de marzo e abril en varias rúas da cidade, no marco da programación do 8 de marzo. Na visita estivo acompañado pola concelleira de Igualdade, Marta Lois, o fotógrafo Gabriel Tizón, membros da Corporación compostelá e algunhas das protagonistas das fotografías.

Marta Lois quixo agradecer a "colaboración de moitas entidades da cidade, hoxe aquí representadas, que fixeron posible a colocación das 15 fotografías que conforman a exposición". A concelleira fixo fincapé no traballo de Gabriel Tizón, que tivo como resultado retratos e imaxes que buscan dar conta do cotián como algo excepcional. Un traballo froito do encontro con 18 mulleres (avoas, nais, fillas, traballadoras...) nun contexto natural que se quere compartir co público. Un formato e unha localización que buscan chegar a milleiros de persoas e amosar estas mulleres anónimas que forman parte da sociedade.

As fotografías, que suman un total de 210,9 metros cadrados, están expostas en Virxe da Cerca, na oficina do Mercado de Abastos, no Museo do Pobo Galego, no exterior da Libraría Couceiro, na balconada da Casa do Cabido, na praza da Quintana, na ruela de Entrerrúas, na praza do Obradoiro, na casa dos apeiros e no parque de Bonaval.

Gabriel Tizón recoñeceu que "facer un traballo así non é fácil", e asegurou que o obxectivo foi "darlle o protagonismo a mulleres que están todo o ano no anonimato pero son as que fan cidade". O fotógrafo definiu a súa creación como unha forma de facer "extraordinario algo cotiá".

Pola súa banda, o alcalde puxo o foco nas protagonistas das imaxes e lembrou que "a miña nai ensinoume hai moitos anos que hai pelexas importantes, como as que se constrúen dende o anonimato, no día a día e dende unha perspectiva de xénero, colocando esas pelexas das veciñas de Compostela nos espazos públicos".

Compartir: