ALCALDÍA

A primeira Asemblea Xeral de 2019 do Grupo de Cidades Patrimonio celebrarase en Santiago

03/03/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou este sábado en Salamanca na Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, máximo órgano de goberno da entidade que reúne aos alcaldes das 15 cidades españolas cuxos centros históricos foron inscritos na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco. Unha das decisións do órgano foi que a primeira Asemblea Xeral de 2019 se celebre en Santiago.

Na reunión, celebrada no Palacio Arcebispo Fonseca, os alcaldes e alcaldesas da 15 cidades falaron sobre os actos de conmemoración dos 25 anos do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e avanzaron algúns retos de futuro. Un deles é a busca de solucións para suprimir o cableado dos centros históricos e establecer un instrumento propio a modo de Observatorio Turístico para coñecer o perfil dos visitantes, de onde proceden, cales son as súas necesidades e demandas ou que se pode mellorar para que as Cidades Patrimonio da Humanidade sexan moito máis atractivas ao visitante. Tamén se acordou que a primeira Asemblea Xeral de 2019, en febreiro ou marzo deste ano, se celebre en Santiago de Compostela.

Ademais, aprobáronse e analizáronse diferentes proxectos das tres principais áreas de actividade da rede: Turismo, Educación e Cultura, e Patrimonio.

Promoción turística
En relación á promoción turística da oferta cultural das 15 cidades, que na súa vertente internacional realízase no marco do convenio coa Secretaría de Estado de Turismo a través de Turespaña, desenvolvéronse dende comezos do ano campañas nas feiras de turismo Vakantiebeurs de Utrecht (Países Baixos), Salon des Vacances de Bruxelas (Bélxica), Reisen de Hamburgo (Alemaña) e, proximamente, no Salón do Turismo de París (Francia) e na Feira ITB de Berlín (Alemaña). En canto ás presentacións nos mercados de orixe, e xunto con Paradores, organizaranse encontros con axentes e medios de Moscova (Rusia), Milán (Italia), A Haia (Países Baixos) e Chicago (Estados Unidos).

Ademais da promoción no estranxeiro, o Grupo, acompañado do Concello de Madrid, realizará o 25 de abril en Valencia unha presentación destinada ao mercado nacional de Levante e aos numerosos cidadáns europeos que fixaron a súa residencia na Comunidade Valenciana.

Actividades culturais
As actividades culturais e pedagóxicas materializaranse no V Ciclo de Música de Cámara Cidades Patrimonio, que levará entre abril e xuño de maneira gratuíta os mellores grupos da Escola de Música Raíña Sofía a palacios, igrexas e museos das 15 cidades, e a edición especial con motivo do 25 aniversario de Aula de Patrimonio, o programa dirixido a centros docentes das cidades da rede.

Patrimonio
Dentro dos programas de xestión e estudo do Patrimonio, e en colaboración coa Secretaría de Estado de Cultura, este semestre terán lugar varios seminarios e encontros, como as Xornadas sobre Turismo Sustentable e Patrimonio Mundial en Segovia, de 19 ao 21 de marzo; unhas Xornadas sobre Turismo Seguro en Toledo, do 16 ao 18 de abril; un Congreso Internacional en Cuenca sobre Patrimonio Mundial e Accesibilidade; e un Seminario sobre Mecenado e Patrimonio Cultural en Tarragona, do 11 ao 13 de xuño.

25 aniversario
Por último, a Asemblea de Alcaldes dedicou especial atención ao programa específico de celebracións coas que o Grupo poñerá en valor ao longo do ano os seus 25 anos de traballo conxunto a favor da conservación e divulgación do seu rico patrimonio, un labor que se converteu nun referente de excelencia no terreo patrimonial, turístico e cultural do noso país.

Entre estas actividades destacan o concerto conmemorativo deste 25 aniversario, o sábado 16 de xuño na praza da Universidade de Alcalá de Henares, da Orquestra Sinfónica de Escola Reina Sofía, dirixida polo mestre Jaime Martín, que será retransmitido en directo por redes sociais e gravado para o programa Los Conciertos de La 2 de RTVE.

Un dos actos máis significativos deste aniversario será a Noite do Patrimonio, que se desenvolverá o sábado 15 de setembro de maneira simultánea nas quince cidades, cun programa de actividades de carácter lúdico e de participación cidadá que terán como fío condutor o Patrimonio, coa apertura esa noite, en cada cidade, de espazos monumentais. Nun dos espazos máis significativos de cada cidade, organizarase unha actividade de artes escénicas (danza, teatro, música) cun nexo común: mesmo nivel de calidade artística, contemporaneidade e modernidade e integración do espectáculo no espazo patrimonial. Paradores de Turismo incorporarase abrindo espazos dos seus establecementos históricos nas cidades. Ademais, presentarase esa noite, de maneira simultánea nas 15 cidades, e proxectarase nas fachadas de edificios, a produción audiovisual do colectivo Boamistura Labirintos Líricos.

Os amantes do deporte que o desexen poderán completar todo un calendario de probas de fondo que percorrerán os espazos máis emblemáticos das 15 cidades no I Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade, que comezou o pasado 18 de febreiro en Segovia e terminará o 8 de decembro en Eivissa, tendo citas en todas e cada unha das 15 cidades.

Unha visita á sede da Unesco en París e a celebración dunha Asemblea extraordinaria en Ávila, o 17 setembro, á que se convidou ao Rei Felipe VI, poñerán o acento institucional a este intenso ano de eventos e celebracións.

Coa celebración desta xuntanza na capital charra, o Grupo sumouse ás conmemoracións do oitavo centenario da Universidade de Salamanca e dos 30 anos da declaración de Salamanca como Patrimonio da Humanidade.

Compartir: